Abanca aumenta os seus beneficios mentres mantén 2 EREs

Os continuados réditos obtidos pola entidade amosan que a venda de Novagalicia banco “foi un regalo” con cartos públicos, sostén Clodo Montero (CIG-Banca).

photo_camera Oficina de Abanca

Abanca continuou no primeiro semestre de 2016 na senda de beneficios, cun aumento do 2,2% nas ganancias, que foron de 186 millóns de euros entre xaneiro e xuño deste ano. Abanca gábase de ser unha das entidades máis capitalizadas do sector, cunha marxe de 1.152 millóns de euros sobre as exixencias regulatorias, e que ten máis de 10.900 millóns en activos líquidos e capacidade de emisión. Datos positivos que, porén, non reflicten a realidade do cadro de persoal da entidade. Así o reitera Clodo Montero, da CIG-Banca, que lembra que Abanca mantén activos dous expedientes de regulación de emprego (ERE). Un deles de despedimento, e ligado ao proceso de reestruturación impulsado en 20134; e outro de modificación de condicións e descolgue do convenio.

Hai activos dous expedientes: un de de despedimento e outro de modificación substancial das condicións laborais e a suspensión dalgúns puntos do convenio

A isto Montero engade a recentemente sinatura do convenio estatal de antigas caixas de aforro e co que se impulsa o modelo comercial  e non nun modelo no que as entidades financeiras axuden a economía produtiva. “Os cambios son para peor”, manifesta, sinalando que os empregados da entidade cada vez traballan máis horas e con menos salario. “Reducen o tramo de salario fixo e lígano á produtividade”, explica. Lembra que estes días o propio BCE alertaba do perigo de continuar as entidades financeiras a vender produtos risco para “tapar a baixa rendabilidade”. E iso non casa, sostén, co modelo comercial no que aposta cada vez máis Abanca.

Montero tamén afirma que a nova conta de beneficios presentada por Abanca amosa que a venda de NGB foi “un regalo” feito con miles de millóns de cartos públicos. “Cada vez que se publican as ganacias estase a cumprir o roteiro marcado polo FROB”, indica. O venezuelano Banesco mercara NGB a finais de 2013 por pouco máis de mil millóns de euros, parte dos cales podería pagar até 2018.

O que fora presidente de NGB, José María Castellano, manifestou que se en vez de privatizar a entidade financeira se tivese agardado tres ou catro anos, o Estado podería recuperar o diñeiro destinado ao seu saneamento

No 2014 obtivo 1.157 millóns de euros de beneficios e en 2015 máis de 330 millóns. Nos primeiros seis meses de 2016, os beneficios estiveron nos 186 millóns. Máis de 9.000 millóns de euros públicos se investiron en Novagalicia Banco para o seu saneamento.

Canto custou?

A oposición puxo en varias ocasións sobre a mesa a necesidade de coñecer o custo real da venda de NGB. Francisco Jorquera (BNG) lembrou recentemente no Parlamento que o prezo oficial da venda no ano 2013 “foi de 1.003 millóns de euros” cunhas garantías a favor do comprador moi superiores ao prezo da venda e froito diso, “no primeiro exercicio de Abanca superou o prezo da venda”. Esta operación supuxo “perder para o contribuínte 10.000 millóns de euros” nun proceso de venda acelerada”. Antón Sánchez (AGE) reprochou o escurantismo de toda a operación de venda.

O que fora presidente de NGB, José María Castellano, manifestou que se en vez de privatizar a entidade financeira se tivese agardado tres ou catro anos, o Estado podería recuperar o diñeiro destinado ao seu saneamento, unha afirmación que contradí a tese oficial da Xunta que sempre xustificou a venda anticipada como mellor opción.

Comentarios