A onda de despedimentos chega aos rexistros da propiedade: 150 empregos en xogo na Galiza

O convenio asinado coa Xunta de Galiza polo que se dota de funcións ás oficinas liquidadoras expira do 31 de decembro e, após a creación da Axencia tributaria galega, non hai intención de renovalo. Empregad@s negocian coas novas atribucións que terán ao privatizar Gallardón os rexistros civís, e coa táboa de retribucións vixente: o 60% do recadado vai para @ rexistradora ou rexistrador, e co 40% restante páganse os gastos fixos e os soldos d@s traballador@s


Traballador@s dos rexistros de propiedade iniciaron esta quinta feira as mobilización para protestar polos despedimentos que se están a producir após concluír o convenio asinado coa Xunta de Galiza para a realización de todas as xestións relacionadas coa presentación de impostos, a recadación destes e a comprobación de se as operacións de compra-venda se axustan aos prezos de mercado. O convenio expira o 31 de decembro.

Porén, a raíz da creación da Axencia tributaria galega o convenio, en vigor "desde hai décadas", segundo advirten @s empregad@s das oficinas de liquidación, verase reducido a "unha mera caixa do correo" destinada á presentación de impostos, realizando desde a consellaría de Facenda as funcións restantes que viñan desempeñando estas oficinas. Destaca tamén o labor de arquivo de escrituras privadas que veñen realizando, gardando un exemplar de cada documento privado que é obxecto dalgún trámite na devandita oficina.

Con todo, a carga de traballo dos rexistros da propiedade verase incrementada con toda probabilidade após a reforma dos Rexistros civís que prepara o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz-Gallardón, pola cal este servizo público pasará a mans de rexistrador@s da propiedade. Serán estas oficinas as encargadas de cobrar a taxa que se imporá para obter un certificado de nacemento ou de defunción, funcións que asumirían a partir de mediados do ano que vén, segundo a información que manexan @s traballador@s.

Mais as súas reclamacións inmediatas xiran ao redor do reparto de beneficios que contempla o convenio colectivo deste sector. En virtude deste documento, o 60% do recadado é para @s rexistrador@s, quedando o 40% restante para facerlle fronte aos gastos correntes e para pagar os soldos d@s empregad@s. Desde a CIG, sindicato que apoiou o peche desta semana no decanato en Compostela para exixir unha xuntanza do seu responsábel, reclaman "que dean marcha atrás nos despedimentos e inicien negociacións" para aplicar unha táboa retributiva "máis axustada á realidade".

10 mil sinaturas para que as oficinas non fiquen desmanteladas

A federación de Banca da central nacionalista entregou en xa no mes de outubro máis de 10 mil sinaturas recollidas en todo o País para instar o Goberno galego a revocar a súa decisión de suprimir as oficinas liquidadoras, medida que suporía a destrución de 150 postos de traballo ao lle ripar as funcións que veñen acometendo.

De proceder por parte do goberno da Xunta de Galiza á desaparición destas oficinas, quen requira dos servizos que prestaban verase obrigad@ a os procurar nos rexistros da propiedade da Coruña, Vigo, Lugo, Ourense e Pontevedra, polo que CIG-Banca interpreta a decisión do PP como "máis un golpe de graza á poboación que vive fóra dos grandes núcleos urbanos", nomeadamente @s veciñ@s do rural.

Comentarios