Gráficos

O IPC modérase seis décimas na Galiza, que fica coa segunda maior inflación do Estado: así evolucionan os prezos

A taxa interanual no caso galego é de 3,2%, catro décimas por riba da media estatal.
Evolución do IPC xeral na Galiza e o Estado sobre unha imaxe dunha muller comprando nun mercado. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Evolución do IPC xeral na Galiza e o Estado sobre unha imaxe dunha muller comprando nun mercado. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Os últimos datos do índice de prezos do consumo publicados esta quinta feira polo INE, referidos ao pasado mes de febreiro e xa consolidados, reflicten unha leve caída na taxa interanual de seis décimas tanto na Galiza como no conxunto do Estado español, se ben o país fica por riba da media estatal e coa segunda maior inflación debido, fundamentalmente, aos elevados prezos da restauración e os alimentos e bebidas non alcólicas.

 

Este é, de feito, o sétimo mes consecutivo na que o IPC xeral da Galiza supera o do Estado, e no caso do pasado mes o rexistro galego só é superado polo de Estremadura, que anota un 3,3% na comparativa anual. Tomando como referencia a evolución mensual —febreiro sobre xaneiro—, porén, o incremento na Galiza (+0,2%) é levemente inferior á media estatal (+0,4%).

Por grupos de produtos, bens e servizos, a maior inflación volve rexistrarse en febreiro na categoría de restaurantes e hoteis (6,6%), seguida de algo elemental para o día a día como son os alimentos e bebidas non alcólicas (5,9%), cuxos prezos, con todo, modéranse dous puntos en comparanza coa taxa interanual que anotaran en xaneiro deste ano.

Só deixan un resultado negativo os custos derivados da vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustíbeis, que o pasado mes foron 2,6% máis baratos que en febreiro de 2023. O IPC medra no resto de categorías analizadas.

 

No conxunto do Estado español confirmouse o dato avanzado polo INE a finais de febreiro, que apuntaba xa a unha inflación anual de 2,8%, rexistrando de novo un descenso após medrar tres décimas en xaneiro. O prezo dos alimentos e bebidas non alcólicas avanzou en febreiro un 5,3% interanual, taxa 2,1 puntos inferior á do mes anterior e a menos acusada desde xaneiro de 2022, mentres que o grupo de vivenda reduciu 4,2 puntos a súa taxa anual, até -2,7%, polo descenso dos prezos da electricidade, en contraste coa suba que experimentaran en febreiro de 2023.

O aceite de oliva, disparado

Tomando como referencia os datos estatais —o INE non dá as cifras concretas destes subgrupos para Galiza—, o produto alimentario que máis subiu de prezo no último ano foi o aceite de oliva (+67%), que acumula unha repunta de até 191,1% desde xaneiro de 2021; é dicir, practicamente o dobre.

En febreiro destacaron tamén as subas interanuais de prezos do transporte marítimo de pasaxeiros (+23,1%), os zumes de froitas e vexetais (+18,8%), os paquetes turísticos estatais (+18,7%) e o transporte de pasaxeiros por metro (+17,4%).

Pola contra, o que máis abaratou no segundo mes do ano en relación a febreiro de 2023 foron os outros aceites (-24,6%), o gas natural (-21%), os equipos de telefonía móbil (-10,9%), o butano e o propano (-10,1%) e os computadores persoais (-9,9%).

Comentarios