27N: Folga de entrega do leite. As razóns

Desde a madrugada desta segunda @s gandeir@s comezarán unha folga de entrega do leite para denunciaren o insostíbel da súa situación e exixiren uns prezos xustos para o seu produto. Nas últimas horas, a administración convocou os sindicatos a unha xuntanza para abordar o problema e intentar chegar a un acordo que evite a protesta. Un movemento da Xunta tras meses e meses de desleixo

Os baixos prezos do leite están a situar milleiros de explotacións galegas ao borde do peche. A insostíbel situación fai que sindicatos e organizacións de productor@s convoquen unha folga na distribución do leite que dará comezo a madrugada desta segunda. A administración convou os sindicatos a unha xuntanza, tras meses de desleixo, para tentar acadar un acordo. @s gandeir@s din estar fart@s da situación, con prezos moi por baixo do propio custo de producción do leite. Na Galiza, o prezo do leite é o máis baixo do estado e da UE.

Prezos de miseria: o leite págase na Galiza aos e ás produtoras a unha media de 28 céntimos, dos prezos máis baixos da Unión Europea e do estado. Producir ese litro de leite custa, só en penso para manter as vacas, 36 céntimos. Xa que logo, @s gandeir@s galegos perden cartos por cada litro que producen.

Queda de ingresos dun 43% nestes anos: Desde 2005, entrementres os ingresos d@s gandeir@s galeg@s pola venda de leite medraron un 0,9%, os custos de explotación fixérono nun 29,6%, co cal a súa renda caeu nun 43%. Isto está provocado en boa medida porque o prezo que reciben é dos máis baixos da Unión europea e o máis baixo do Estado español: un 5,5% menos que a media estatal, un 5,48% inferior ao de Portugal, un 1,10% inferior ao de Francia, un 5,65% ao de Alemaña e un 12,16% inferior ao de Holanda.

Perto de 5.000 explotacións pechadas na Galiza: Entre 2005 e 2010, segundo datos oficiais, perdéronse na Galiza máis de 4.500 explotacións leiteiras. E desde entón o panorama non fixo senón empeorar. As 11.000 restantes están na corda frouxa, recoñece o sector. E pola volta de 3.000 explotación lácteas acollidas ao plan de modernización nos últimos anos están a piques de suspender pagos.

Unha Xunta que mira para outro lado: a persar de convocar para esta segunda unha xunta cos sindicatos para abordar o problema, tod@s coinciden en que a actitude da administración autonómica ten responsabilidade na crise do sector. Lembran que na lexislatura anterior de Feijóo se liquidaron mecanismos existentes como a mesa do leite, o observatorio de prezos, o banco de terras... Para alén de apoiar proxectos (Alimentos Lácteos) cunha responsabilidade grande en tirar os prezos.

Desregulación interesada: máis dunha vez nos sindicatos como Fruga ou SLG sinalaron as políticas de desregulación europeas como responsábeis tamén do escenario actual. Estas políticas propiciaron que Alemaña e Francia aumentasen a súa produción de leite, apostando por colocar noutros mercados (como o español) o seu excedente con prezos moi baixos. Para iso botaron e botan man das súas potentes cadeas de comercialización (grandes superficies como Alcampo ou Carrefour). Aliás, o 80% do leite galego comercialízano empresas de fóra.

Contra o esmorecemento do rural galego: A defensa do sector lácteo galego é a defensa do medio rural galego, lembran os convocantes. Un sector que xera pola volta de 66.000 empregos e en torno ao que pivota gran parte da economía directa e indirecta de non poucas comarcas galegas.


Os sindicatos chaman á folga

As organizacións sindicais encargadas da convocatoria fixeron un chamamento esta segunda feira a que @s gandeir@s secunden a convocatoria de folga e non entreguen o leite a partir das 0.00h desta terza feira. En conferencia de imprensa, representantes de UU.AA, SLG e XX.AA, aseguraron, asemade, que poderían iniciar unha folga de impagos pois "se non nos pagan non podemos pagar", indicou Xan Pérez (UU.AA).
Aliás, aseveraron que se as administracións públicas non toman nota das exixencias do sector lácteo, o paro das entregas podería facerse indefinido, malia a que agardan non ter que chegar até ese extremo.

Comentarios