Os 18.000 empregos industriais que a crise varreu de Galiza

O anuncio de fechamento de Alcoa volve pousar o foco sobre un sector, a industria, que en postos de traballo continúa 11% por baixo de 2009.

 

Operarias nunha carpinteiría industrial
photo_camera Operarias nunha carpinteiría industrial

O anuncio de fechamento de Alcoa na Coruña sitúa no disparadeiro do desemprego a case 370 traballadores e traballadoras. Un impacto considerábel para o tecido económico económico da cidade e unha pegada negativa máis no sector industrial de Galiza, que case unha década despois do inicio da gran recesión aínda non atinxe as cifras de emprego que xeraba daquela.

Agora hai case 8% menos de traballadores na industria do sector privado e 22% menos no sector público

Desde 2009 até agora, mediados de 2018,  perdéronse milleiros de empregos na industria galega. No segundo trimestre deste ano, 2018, o IGE rexistra que hai pouco máis de 153.000 persoas asalariadas no sector industrial. Son 18.000 menos que en 2009. É 11% menos de postos de traballo nun sector indispensábel para calquera economía competitiva.

No sector público pasamos de ter 3.500 traballadores e traballadoras asalariadas en 2009 a ter agora 2.700. A baixada é de 22%. De debruzarnos no privado, vemos como os 150.500 asalariados actuais fican ben por baixo dos perto de 168.000 (en concreto, 167.900) que había en 2009. É un descenso de case 8%.

O salario medio bruto anual no sector da Industria é 8.000 euros superior ao salario medio bruto en servizos

De abrir o foco para non nos centrar simplesmente nas persoas asalariadas, e pasar incluír estas, autónomos, traballadores independentes…; os dados continúan a ser negativos: en 2009 eran 178.200 persoas e na actualidade son apenas 162.000.

A importancia do sector industrial nunha economía ten diversos indicadores. Un deles é que é, tradicionalmente, quen ten os mellores salarios. Así, en 2017 o soldo medio bruto en Galiza estaba en 19.860 anos. O salario medio bruto na industria é de 23.868 euros – 4.000 euros máis- mentres que en servizos (e a economía galega está cada vez máis terciarizada) é de 18.900 – 4.000 euros menos que a media.

Comentarios