“Se Feijóo concede 10 millóns a Citroën tamén ten que haber para o naval”

Nin buques mexicanos nin dique flotante. A grave situación dos estaleiros de Ferrol dilátase no tempo sen solución nin apoio do goberno galego. Guillerme Vázquez, nunha xuntanza con representantes de Navantia, exixiu á Xunta de Galiza apoio financeiro e político para este sector estratéxico.

O comité de empresa de Navantia (Ferrol) reuniuse esta sexta co voceiro nacional do Bloque Nacionalista Galego, Guillerme Vázquez, após tres días de peche no concello de Ferrol para denunciaren a crítica situación que padece o sector e exixiren solucións á falla de traballo. Vázquez estivo acompañado doutros representantes institucionais entre os que se atopaban o alcalde de Mugardos e o deputado parlamentar, Fernando Branco.

Malia as promesas anunciadas polos gobernos español e galego a respecto dunha solución para o naval ferrolán, o certo é que as espectativas de conseguir carga de traballo son cada vez máis difusas. Os buques pregoados polo presidente do executivo galego, Alberto Núñez Feijóo esmorecen perante a inexistencia dunha solicitude ou contrato formal que acredite a devandita encomenda para a petroleira mexicana Pemex. Asemade, a construción do dique flotante no porto da Coruña segue sen se formalizar aumentando a incerteza dos traballadores.

Na súa visita ao comité de empresa, Guillerme Vázquez demandou da Xunta de Galiza e do goberno español maior compromiso político e menos “promesas que todos sabemos que se van incumprir”. Así mesmo, exixiu que se empecen a “concretar algunha actuación, por exemplo, cofinanciando o dique”. O voceiro nacional do BNG, propuxo que a administración galega investise parte do diñeiro da construción asegurando que se “Feijóo concedeu 10 millóns de euros á planta de Citroën en Vigo tamén o ten que haber para o naval”. Pola súa banda, o deputado parlamentar, Fernando Branco Parga, criticou con dureza que o goberno de Núñez Feijóo non incluíse nos orzamentos da Xunta partidas encamiñadas á devandita construción mentres “no exercicio 2011 o IGAPE deixou de executar 108 millóns do programa denominado 'Apoio á internacionalización, modernización e mellora da competitividade empresarial'”.

Soberanía política, independenza económica
O voceiro nacionalista defendeu a necesidade de que Galiza conte cun autogoberno real que lle permita dar solucións ás súas problemáticas, en troca de submeter os seus intereses económicos ás decisións adoptadas en Bruxelas ou Madrid. Aliás, Vázquez salientou os tres obxectivos fundamentais para o sector que conforman as principais demandas dos traballadores: erguer o veto da UE á construción civil en Navantia, conseguir maior carga de traballo e iniciar a construción do dique flotante no porto da Coruña. Vázquez subliñou que o naval constitúe un sector produtivo estratéxico para a economía galega polo que se lle debe prestar o “apoio político que se merece”.

Comentarios