Miranda pide en Bruxelas a renegociación do acordo pesqueiro con Mauritania que expulsa á flota galega

A eurodeputada do BNG cualificou de “vergoña” un acordo que expulsa e discrimina á frota galega, que non recibe ningún beneficio dun acordo pesqueiro, que ten un coste de 67 millóns de euros para a Unión Europea e que afecta a 400 familias
Ana Miranda
photo_camera Ana Miranda

Bruxelas asinou no verán un protocolo de acordo pesqueiro con Mauritania polo que destina uns 67 millóns de euros a este país como contraprestación a cambio de poder pescar nos caladoiros deste país. Un protocolo que supuxo a expulsión dos 24 buques cefalopodeiros galegos que faenaban nesas augas e condear ao paro a ducias de mariñeiros galegos, sobre todo da comarca do Morrazo, unha zona moi dependente da pesca.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, durante a súa intervención na Comisión de Pesca da UE solicitou á Comisión Europea a renegociación do acordo pesqueiro alcanzado en xullo con Mauritania. A representante nacionalista en Bruxelas cualificou de “vergoña” un protocolo que "expulsa e discrimina á frota galega", que non recibe ningún beneficio dun acordo pesqueiro que ten un coste de 67 millóns de euros para a Unión Europea. “Esta expulsión afecta a 400 familias”, explicou.

"Os informes científicos indican que as especies de cefalópodos están recuperadas"

Informes científicos

Miranda subliñou que o BNG apoia acordos "responsábeis e xustos entre a UE e terceiros países", que concilien os intereses das dúas partes implicadas, “pero non hai ningún beneficio para estes 24 barcos, pese a que os informes científicos indican que as especies de cefalópodos están recuperadas e pese a que desde Galiza tamén contribuímos a sufragar ese acordo co país africano”

O BNG sinala que a Comisión de Pesca da Eurocámara envía así unha clara mensaxe á comisaria de Pesca, a grega María Damanaki, para que non entre en vigor o acordo actual e se proceda a “inmediata” negociación dun novo protocolo, indicando ademais que non se faga ningún pago con cargo aos 67 millóns de euros fixados como contraprestación a cambio de poder pescar nos caladoiros mauritanos.

Comentarios