A xustiza invalida as eleccións da Federación Galega de Tenis de Mesa
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) ven de desestimar o recurso de apelación interposto pola Xunta, que actuou en representación do Comité Galego de Xustiza Deportiva, contra a sentenza que anulaba o proceso electoral da Federación Galega de Tenis de Mesa 2022.
Agora, tras este fallo da Xustiza que se realizou en novembro de 2024 e non foi recorrida pasado o prazo ante o Tribunal Supremo, debería repetirse o proceso electoral ao completo e quedaría invalidada a actual presidenta desta federación deportiva, Nuria Castro.
Proceso "irregular"
A denuncia partiu de Manuel Pereiro (Vigo, 1960), un histórico do tenis de mesa galego que mantén desde hai anos unha batalla legal arredor de todo o acontecido nas eleccións á Presidencia federativa ás que foi candidato en 2022. "Agora o Comité Galego de Xustiza Deportiva (CGXD) renovouse parcialmente e estaremos enriba para ver se anula a asemblea tal e como recoñece a sentenza", explica a Nós Diario.
Pereiro insiste en que o anterior presidente, "que foi candidato do PP en Bembrive e inhabilitado, ten intereses en que eu non gañe, pero o noso slogan, 'transparencia e respecto', vaise levar até o final". Porén, desconfía de que a Xunta da Galiza non lle poña "moitas facilidades" como comprobou estes anos.
Pereiro explica que mantivo unha xuntanza co propio secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, "e recibiunos de moi malas maneiras, obrigado por unha queixa oficial", agrega. Nesa xuntanza pediulle "que retirase o recurso por non ter ningún sentido que se fixera con diñeiro público".
Neste sentido, a propia sentenza do TSXG sinala, no seu ditame, que hai "mala fe da recorrente (na Xunta)". En opinión de Pereiro, "houbo unha intención deliberada de demorar este proceso" e pon como razón para facelo que as súas ideas de transparencia e respecto para coa Federación Galega de Tenis de Mesa "nin a José Ramón Lete nin á Xunta lles interesa".

