O Arteal garante a súa presenza na Copa Europea de Tenis de Mesa

A escuadra compostelá tamén aspira ao título de liga.
O club capitalino aspira a ser o mellor de Europa (Foto: Arteal).
photo_camera O club capitalino aspira a ser o mellor de Europa. (Foto: Arteal)

O deporte galego brilla en practicamente todas as disciplinas, independentemente da súa prédica ou implantación entre o gran público. Proba diso é o Arteal de Compostela, que tras proclamarse vencedor da Rexión 'C' da Europa Trophy será un dos oito equipos que aspiren a facerse coa Copa Europea de Tenis de Mesa.

Nun gran torneo, o conxunto capitalino impúxose por idéntico resultado de 3-0 ao Club Primeiro de Maio (Portugal) e Club Valls Do Nord (Andorra), certificando así a súa condición de favorito neste grupo. 

Así mesmo, o Arteal tamén aproveitou esta competición para ultimar a preparación para o decisivo encontro polo título de Liga, que se disputará a vindeiro sexta feira, día 22, na súa casa contra o  CTT Borges, nun choque previsto para as 18 horas e no que agardan un gran ambiente no local de San Lázaro.

De la Puente, finalista do Kemal Sahin Open turco

Cambiando o tenis de mesa polo tenis en cadeira de rodas, o galego Martín De la Puente, xogador máis en forma a nivel estatal na actualidade, volveu certificar ese postulado cunha gran actuación no prestixioso Torneo Internacional Kemal Sahin Open Kros Medical Open turco.

Alí, na modalidade individual alcanzou as semifinais, logo de vencer por un duplo 6-1 o español Francisco García na primeira rolda e facer o propio (6-1, 3-6, 6-3) co xaponés Kouhei Suzuki. Lamentabelmente, na penúltima rolda perdeu coa súa besta negra, o francés Nicolás Peifer, cabeza de serie número 2 e oitavo do ránking mundial.

Polo contrario, no apartado de parellas, acompañado de Daniel Caverzaschi -con quen participará proximamente en Roland Garros-, si que alcanzou a finalísima, aínda que caeu derrotado contra Gerard e o propio Peifer.

Comentarios