Rubiales ameaza a nova Liga feminina

O seu preito coa LPFF pon en perigo o inicio do torneo o 10 de setembro
Foto de familia da presentación da liga feminina profesional, en marzo de 2022. Cinco meses despois aínda non é unha realidade. (Foto: Europa Press).
photo_camera Foto de familia da presentación da liga feminina profesional, en marzo de 2022. Cinco meses despois aínda non é unha realidade. (Foto: Europa Press).

O duelo que desde hai meses manteñen a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) de presidida por Luís Rubiales e a Liga Profesional de Fútbol Feminino viviu onte un novo capítulo que afonda no seu conflito e ameaza o inicio do torneo, previsto para dentro de exactamente un mes, o día 10 de setembro. 

A RFEF comunicou que  exercerá "accións pertinentes" ante os órganos xudiciais do Estado español polas Bases de Competición LPFF, as cales tamén impugnará por consideralas unha "ilegalidade" que van en contra "da lei e da normativa de FIFA e UEFA".

O organismo refírese á situación das xogadoras extra comunitarias, pois a LPFF defende un número de 12 por equipo -cantidade que dividiría á metade a que estaba en vigor até o de agora-, mentres que a Federación quere limitalo drasticamente, até dous, para favorecer ás xogadoras con pasaporte comunitario e, especialmente, ás do Estado español.

"A LPFF carece de competencias para aprobar tales Bases, porque se atribúe unhas competencias públicas delegadas que non ostenta, coas consecuencias de todo orde que isto pode carrexar", indica unha RFEF que recoñeceu recibir unha comunicación do Consello Superior de Deportes (CSD) para formar parte dunha reunión coa LPFF e o sindicato maioritario (Futpro) co obxectivo de desatascar a situación de bloqueo que paraliza a nova competición.

Non obstante, a posición da RFEF non parece moi conciliadora: "A LPFF aprobou as súas normas en dúas Asembleas ás que non se convocou conforme Dereito á RFEF, polo que serán impugnadas, xa que representan unha nova ilegalidade pola súa parte que será posta en coñecemento de UEFA, FIFA e o CSD, así como dos pertinentes órganos xudiciais españois". 

Con respecto ao sorteo do calendario -logo de que o CSD o suspendera o pasado 26 de xullo polas "discrepancias" entre LPFF e RFEF-, a Federación lembrou que foi ela quen "efectuou todos os sorteos da historia de todas as categorías do fútbol estatal", razón pola que confía en que o Consello Superior de Deportes "velará porque se respecte o ordenamento xurídico" e evite as "consecuencias" para os clubs.

O Dépor xa pensa no Teresa Herrera

O Real Club Deportivo da Coruña militará esta campaña na segunda categoría do fútbol feminino, mais aspira a conseguir o regreso á elite e debutar así -no caso de chegar a ser unha realidade- na Liga profesional.

Tras lograr a pasada fin de semana un cómodo triunfo (2-4) no Trofeo Cidade de Gaia ante o Valadares -conxunto da Primeira División de Portugal-, as xogadoras branquiazuis dedicarán esta semana a afondar na súa preparación, disputando este sábado, 13 de agosto, a X edición do Trofeo Teresa Herrera feminino ante o tamén portugués Famaliçao.

O Metalist leva Blues a vetar o Teresa Herrera

Nada máis rematar, ás 20.30 horas, arrancará a modalidade masculina do decano dos torneos de verán nun choque entre Dépor e o Metalist ucraíno.

A súa presenza levará a que en Riazor non estea o grupo de afeccionados Riazor Blues, pois non están de acordo coa visita "dun equipo coñecido pola fama neonazi da súa afección, con grupos paramilitares que participan no Batallón Azov". 

Comentarios