sábado 06/03/21

Xornada de ouro para os galegos da 'B'

Houbo que agardar até a xornada 14 para que ningún dos seis equipos galegos da Segunda División B coñecese a derrota. O Dépor superou o Guixuelo (1-0), o Celta B o Zamora (0-3) e o Pontevedra o Salamanca (1-3), mentres que o Coruxo apañou un meritorio punto ante o líder Unionistas (0-0) e Compos e Rácing empataron a un gol.
Rabia e alivio. O gol de Lara outorgou un triunfo ao Deportivo dous meses e medio despois. (Foto: RC Deportivo).
Rabia e alivio. O gol de Lara outorgou un triunfo ao Deportivo dous meses e medio despois. (Foto: RC Deportivo).

Como di o vello refrán, "non hai mal que cen anos dure, nin corpo que tal resista". Que llo pregunten se non ao Deportivo, que despois de dous meses e medio sen coñecer a vitoria logrou, por fin, un triunfo que o mantén unido á loita por entrar na fase de ascenso.

Non obstante, e sen abandonar os ditos populares "non é ourego todo o monte", e detrás de tres puntos de ouro está unha vitoria pola mínima (1-0) na que o equipo acabou pedindo a hora ante un Guixuelo que ocupa a posición de fechacancelas na táboa e que xogou os últimos minutos do partido cun home menos pola expulsión de Kamal no 85. Rubén De la Barrera, que estreou o seu contador de vitorias no seu quinto compromiso á fronte do Dépor, aínda ten moito traballo por diante, en especial no eido ofensivo, se quere finalizar esta primeira fase do torneo nunha das tres primeiras prazas, para o que necesita perentoriamente gañar os catro partidos que lle quedan por disputar.

Tamén o Pontevedra saíu esta fin de semana dunha negativa xeira de resultados que parecía eternizarse no tempo, e que levou os granates a estar aínda unha semana máis que os coruñeses sen sumar de tres en tres.

A chave da resurrección granate no segundo partido de Luisito á fronte do equipo estivo na resiliencia dun bloque capaz de superar o 1-0 inicial para, da man de Charles e Rufo -por dúas veces-, conseguir un triunfo que, como acontece co Dépor, manteno aínda na pelexa por disputar a fase de acceso a Segunda División.

Máis contundente foi a vitoria do Celta B de Onésimo, que se impuxo por 0-3 na casa do segundo clasificado, o Zamora. Con 13 puntos dos últimos 15 posíbeis no seu haber, e dous partidos menos que os seus rivais, o filial celeste torna en candidato mesmo a rematar esta fase inicial da categoría de bronce na primeira posición.

E non gañaron, pero Compostela, Rácing de Ferrol e Coruxo conseguiron uns empates que fixeron desta décimo cuarta xornada ligueira a primeira na que ningún equipo do país cae derrotado

A actuación dos vigueses foi digna dunha mención especial, pois conseguiron un punto na visita ao Vao do líder da categoría, Unionistas de Salamanca, nun choque no que os galegos mereceron máis, igual que o Rácing ante un Compos moi lastrado polas baixas.

comentarios