Os horarios de Tebas volven maltratar Celta e Lugo

As escuadras galegas da LFP, abonadas a competir nas sextas e nas segundas feiras. Xa que logo, a Segunda B torna no último reduto dos tempos tradicionais do fútbol, xogándose todos os partidos desta xornada o domingo ás 12 (Coruxo-Unionistas), 16 (Salamanca-Pontevedra), 17 (Dépor-Guixuelo e Zamora-Celta B), e 19 horas (Compostela-Rácing).
O Club Deportivo Lugo volverá xogar nunha segunda feira, e xa é o equipo da categoría que máis partidos leva disputado ese día en 2021. (Foto: CD Lugo).
photo_camera O Club Deportivo Lugo volverá xogar a segunda feira, e xa é o equipo da categoría que máis partidos leva disputado ese día en 2021. (Foto: CD Lugo).

Javier Tebas continúa coa súa política de maltrato ás afeccións dos equipos galegos que militan na Liga de Fútbol Profesional (LFP), Real Club Celta de Vigo e Club Deportivo Lugo, que unha semana máis ven como os seus partidos son desprazados á sexta e á segunda feira, respectivamente, días laborábeis que, como veñen denunciando repetidamente ao longo destes últimos anos seareiras de practicamente todos os conxuntos que conforman a competición, "cortan de raíz calquera posibilidade de gozar do fútbol debido a uns horarios dificilmente sostíbeis".

A escuadra celeste resulta especialmente prexudicada por esta política, pois logo de empatar nun durísimo choque na casa do líder, Atlético de Madrid, na pasada segunda feira, tivo que xogar onte, sexta feira, ante o Elxe en Balaídos, tendo polo tanto menos días de descanso que o seu rival e impedindo que poidamos ofrecer nestas liñas unha crónica do partido debido a que a LFP programou o mesmo para as 21 horas, concluíndo pasado o horario de fechamento desta edición.

O Lugo, pola súa banda, xogará na segunda feira por segunda semana consecutiva, a terceira no que vai de 2021, máis que ningún outro equipo da categoría. A pesar deste agravio, os albivermellos tratarán de reafirmar as boas sensacións deixadas ante o Español na última xornada e volver cos tres puntos do sempre complicado Carlos Tartiere para non perder de vista os postos de ascenso.

Consello novo, Dépor novo?

O Real Club Deportivo da Coruña xoga mañá domingo ás 17 horas da tarde -o día e hora tradicionais do fútbol- o seu primeiro partido baixo o novo réxime instaurado por Abanca.

O novo presidente, Antonio Couceiro, acompañado polo resto do seu Consello de Administración, asistirán en Riazor a un compromiso vital para as aspiracións deportivistas de estar a vindeira tempada na Segunda División, pois todo o que non sexa facerse cos tres puntos ante o Guixuelo, fechacancelas da liga, será un adeus definitivo ao ascenso, como recoñeceu implicitamente Rubén De la Barrera.

O técnico confía en que a inestabilidade institucional non se traslade ao terreo de xogo e poder así asinar a súa primeira vitoria no banco herculino, para o que poderá contar con todos os futbolistas baixo contrato. 

Non están moito mellor as cousas nun Rácing de Ferrol no que o ex presidente deportivista, Tino Fernández, forma parte do seu Consello de Administración desde outubro de 2020. Deseñado para o ascenso, os Diaños Verdes penan hoxe no medio da táboa e agardan facer bo o vello tópico de "a adestrador novo, vitoria segura", no primeiro partido de Cristóbal Parralo -curiosamente, outro ex do Dépor- á fronte da escuadra departamental (o domingo ás 19 horas). Non obstante, non o terá nada fácil ante un Compostela que é a revelación da categoría e que aspira a repetir a fazaña conseguida a principios dos anos 90, cando enlazou dous ascensos consecutivos, de Terceira a Segunda División.

Quen non foi quen de (re)debutar con triunfo foi Luisito, que logo de empatar hai tres días ante o Guixuelo pretende apañar un triunfo en Salamanca (domingo, 16 horas) que reenganche os granates a unha loita polo play-off na que asomou a cabeza, contra prognóstico, o sorprendente Celta B de Onésimo.

O filial celeste leva dous meses sen coñecer a derrota, e agarda continuar a boa xeira de resultados ante un Zamora que o avantaxa na clasificación en catro puntos, aínda que cun partido máis disputado. 

Pola súa banda, o Coruxo agarda confirmar a súa condición de "mataxigantes" logo de esmagar o Dépor a semana pasada derrotando na súa casa o líder, Unionistas, este domingo ás 12 horas.

Comentarios