venres 30/10/20

Xavier Carballo, a promesa galega que parte da escalada deportiva

A nova promesa do deporte galego para a Deputación de Pontevedra é un escalador de 14 anos con moito futuro por diante. Por agora, forma parte do programa de tecnificación da Federación Galega de Montañismo á espera de que as competicións volvan á normalidade que agora non teñen pola pandemia da Covid-19.
O escalador Xavier Carballo (Federación Galega de Montañismo)
O escalador Xavier Carballo (Federación Galega de Montañismo)

Xavier Carballo, do club Montañeiras e Montañeiros de Pontevedra-A Roelo (Aromon) e membro do programa de tecnificación de escalada da Federación Galega de Montañismo (FGM) desde o 2018, foi nomeado o pasado mes de setembro con 14 anos deportista promesa pola a Deputación de Pontevedra. O nomeamento suponlle unha pequena axuda económica no seu camiño a converterse nun escalador de referencia na Galiza. 

Carballo entrou en contacto co alpinismo no club pontevedrés con 10 anos de idade a partir das escolas deportivas desta entidade. Con 11 anos entrou a formar parte dun grupo adiantado e comezou a mostrar unhas actitudes máis claras cara a este deporte, segundo explica a Nós Diario o seu adestrador e director do programa de tecnificación, José Juan Domínguez.

"Se se collen nestas idades é moito máis fácil e no seu caso tiña aptitudes cunha evolución que nos sorprendeu", relata. Participou en varias saídas en rocha e en 2019 comezou a súa ascensión nas competicións quedando campión galego de escalada en bloque e terceiro a nivel estatal nas modalidades de dificultade e velocidade. "Foi a primeira vez que conseguíamos podio para o deporte galego na súa categoría en escalada deportiva", sinala Domínguez. 

Futuro prometedor 

Ademais de ser o adestrador na tecnificación, Domínguez traballa a nivel persoal con Xavier Carballo e coñéceo ben. Asegura que con 14 anos ten moito que dicir aínda a nivel de éxitos deportivos malia que na Galiza non se teñen as instalacións que hai noutros territorios.

"Ten que seguir a nivel persoal, formando parte do programa de tecnificación da federación mais sen contar cun centro deportivo", explica, "nós non contamos co centro que hai en Pontevedra e que depende do Centro Superior de Deportes por non estar recollida a escalada como un dos deportes que entren nesas instalacións". O escalador terá que combinar os seus estudos co adestramento persoal e participando nas competicións galegas e estatais da súa categoría de sub-16. 

Escalar en tempos de Covid-19

A escalada deportiva suspendeu este ano todas as competicións a nivel galego e a nivel estatal. Non é un deporte de contacto e as instalacións privadas continúan abertas e seguindo os protocolos de seguridade sanitaria de limpeza, emprego de máscara e uso de hidroxel. Ademais, a escalada en rocha, que tamén é moi popular na Galiza, continúa a practicarse a nivel privado. 

Nas competicións, o máis habitual é que se realice por parellas que non teñen contacto permanente ao facer cada proba por quendas nin tampouco co material empregado. "A primeira información que tivemos foi que pasarían a realizarse sen público para evitar contaxios", relata Domínguez, "mais o problema veu pola elevada concentración de deportistas que veñen de diferentes localidades, polo que ao final optouse pola suspensión total". Para este adestrador a escalada deportiva é a modalidade máis segura, aínda que sexa unha das que conta con máis practicantes a nivel galego e estatal. 

Continuidade na canteira da ENAG

Desde a FGM continúan os esforzos en potenciar a escalada malia as dificultades que teñen polo impacto da Covid-19. Un dos seus órganos, a Escola Galega de Alta Montaña, a finais deste verán, e co atraso na organización e planificación relacionados co período de confinamento, anunciou que conta cun novo equipo de Novas e Novos Alpinistas Galegos (ENAG) froito dun proceso de selección difícil que se realizou durante dúas fins de semana, un centrado na escalada en neve e na alta montaña e outro na escalada en rocha.

Formarán parte deste programa Adrián Álvarez, Daniela Andreia Carvalho, Jaime Larriet e Pablo Brea. Adrián Álvarez explica a Nós Diario que a continuidade após a tecnificación foi por sentirse "motivado" e buscar un futuro no alpinismo profesional, que podería pasar "por adquirir novas destrezas para poder optar ao equipo estatal". A canteira galega medra e ten futuro. 

comentarios