O Xadrez Ourense fai historia en Padrón e ascende á División de Honra estatal

O equipo, que celebra este anos o seu 17º aniversario, consegue que o xadrez galego estea na elite estatal por segunda vez na historia. 
O equipo do Club Xadrez Ourense (Patricia Claros)
photo_camera O equipo do Club Xadrez Ourense (Patricia Claros)

O Club Deportivo Xadrez Ourense accedeu esta fin de semana á máxima categoría estatal deste deporte, a División de Honra, tras quedar subcampión de Primeira División na competición rematada o pasado 9 de outubro.

A competición tivo lugar entre os días 3 e 9 de outubro nos salóns do hotel Scala de Padrón e nela participaron oito equipos. Na clasificación final o de Ourense quedou por tras do vasco Club Ajedrez Sestao, que se proclamou campión con 14 puntos. O podio completouno o Xadrez Ourense e o Club Xadrez Fontecarmoa-Viaxes Interrías Sanxenxo, empatados a 9 puntos. Os equipos Oromana Schneider Electric de Andalucía e Stadium Casablanca de Aragón descenden e xogarán en Segunda División en 2021. 

A liña ascendente do Xadrez Ourense

O percorrido do equipo ourensán, que xa conta con 17 anos de historia, non foi doado. En 2018 ascendía desde a segunda estatal e chegaba, cun terceiro posto conseguido en 2019, cando o obxectivo era a permanencia. O Xadrez Ourense comezaba coa incerteza de como rematar un campionato nunhas circunstancias complicadas pola pandemia da Covid-19, "con máis tranquilidade mais sen obxectivos exaxeradamente ambiciosos", como recoñecen desde o club. 

En Padrón presentaron unha proposta moi propia con Iván Salgado como xefe de filas, os irmáns David e Adrián Gómez Diéguez e o moi novo Martín Gómez Carreño, todos eles como parte fundamental do sexteto titular, apoiados polo gran mestre italiano Sabino Brunello, o G.M. muradán David Lariño, o M.F. luso Luis Silva, a hispano-cubana, e ourensá de adopción, Yudania Hernández, xunto coa veteranía de José Saavedra, Elías Gónzalez e Andrea Hernández. 

Final axustada

A final foi moi axustada entre tres equipos, o Barberà catalán de Barcelona, o puxante Fontecarmoa-Sanxenxo Inter Rías e o Club Xadrez Ourense. Foi especialmente destacábel a actuación dos xadrecistas ourensáns Iván Salgado, Adrián e David Gómez Diéguez e Martín Gómez Carreño que conseguiron 14,5 puntos dos 24 totais do equipo (máis de 60%).

É a segunda vez na historia do xadrez que un equipo galego accede á máxima categoría nacional após facelo o Xadrez Marcote de Mondariz Balneario nos 90. "Significa algo moi importante para o deporte galego en xeral e o compromiso será mantela", asegura Elías González a Nós Diario, "estaremos nunha categoría con equipos que teñen moitos estranxeiros e nós de 12 somos 11 da Galiza", engade. 

Comentarios