Volve o Máster de Futbolín de Rábade

O histórico campionato alcanza a súa vixésimo quinta edición
A asturiana María (esquerda) e a castelá Andrea (dereita), posando como campioas de 2023 con Lolo Candal, da Peña Bola Meiga. (Foto: Peña Futbolín Bola Meiga).
photo_camera A asturiana María (esquerda) e a castelá Andrea (dereita), posando como campioas de 2023 con Lolo Candal, da Peña Bola Meiga. (Foto: Peña Futbolín Bola Meiga).

Non son poucos 25 anos. Un cuarto de século de vida, nin máis nin menos, é o que celebra neste 2024 o xa histórico Máster de Rábade de Fútbolín, que terá lugar entre os días 28 e 30 de marzo e de novo está organizado pola Peña Bola Meiga coa colaboración da área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. 

Para celebrar a efeméride, José Manuel, 'Lolo', Candal, responsábel da Peña Bola Meiga, revelou a Nós Diario que están argallando "un desfile conmemorativo no que levaremos un futbolín ao lombo". "Algo parecido a unha procesión, pero non será unha procesión, ollo, que non se nos enfade ninguén", engadiu entre risos.

Aínda que o 27 de marzo, cuarta feira, terán lugar a presentación oficial aos medios de comunicación no salón de actos do Concello de Rábade, o feche das inscricións e o sorteo dos equipos, o certame arrancará oficialmente ao día seguinte, 28 de marzo, con ese desfile previsto para as 17, media hora antes do inicio da competición oficial.

"Sairemos desde onde chegou o primeiro futbolín a Rábade, a finais dos 50, que vén sendo a zona do Coto Real", indica Candal, iniciando desde aí un un percorrido de 400 amenizado por unha batukada que xa temos contratada e no que os rapaces levarán estandartes e os campións e campioas doutras edicións portarán os seus trofeos", explicou o portavoz da organización da proba.

Moitas novidades

Alén dese desfile inaugural conmemorativo dos seus 25 anos de historia, o Máster de Futbolín de Rábade 2024 traerá moitas novidades, sendo outra das principais o aumento dos premios, que ascenden aos 15.000 euros.

A facerse cun anaco desa substanciosa cantidade aspirarán máis de 700 xogadores e xogadoras procedentes de practicamente todos os territorios que conforman o Estado español, que medirán forzas non só no pavillón do IES Río Miño e no salón da cafetería Papyrus, como en 2023, senón tamén no polideportivo do Colexio Otero Pedraio, pois, tal e como indicou Lolo Candal, o "éxito do evento" fixo necesaria esa busca de máis espazo "para mantelo no centro da vila".

O 'fútbol de mesa', invento galego

"Chamanlhe 'ferriños' no pais do Deza, chamanlhe 'ferriños' pola parte de Lalin, 'metegol' na Arxentina, 'matraquinho' en Portugal...". Pero, de que falaban os Diplomáticos de Monte Alto nunha das cancións máis populares da época dourada do Xabarín Club?

A resposta está na primeira estrofa do tema: "Ano 37, guerra civil, Alexandre de Fisterra inventa o futbolín; inventa a tralla brava; Alexandre de Fisterra moito traballa!". 

Porque ese pasatempo universal, como reivindicaban xa en  1995 Xurxo Souto e compañía, creouno Alexandro Campos Ramírez, máis coñecido como Alexandre de Fisterra.

Emigrado en Madrid sendo un adolescente, aí o sorprendeu o inicio das hostilidades da guerra civil española, sufrindo graves feridas nun bombardeo fascista sobre a capital do Estado que obrigaron ao seu traslado primeiro a Valencia e logo a Catalunya para recuperarse.

Foi cando, coa intención de que as crianzas vítimas de amputacións de membros puidesen seguir xogando ao fútbol, creou o fútbol de mesa, o que hoxe se coñece como "futbolín".

Comentarios