venres 30/10/20

Iago Aspas e o 'Puma' Rodríguez poñen o Celta e o Lugo en pé

Vitoria de ambos os conxuntos de Primeira e Segunda, respectivamente, ante dous potentes rivais. Os de Vigo suman catro puntos tras derrotar ao Valencia, e os albivermellos lograron os seus tres primeiros fronte ao Leganés.

lugo-leganes1
lugo-Os xogadores do Lugo celebran a consecución do tanto da vitoria (Twitter: @CDeportivoLugo)

O sábado en Balaídos, o Celta logrou unha vitoria de prestixio (2-1) ante o Valencia nun partido onde puido pasar de todo. Os xogadores de Oscar García puxéronse por diante ao cuarto de hora cun tanto de Iago Aspas, o gran protagonista do encontro. O de Moaña fixo bo un sobresaliente envío de Nolito, capaz de driblar dous rivais antes de entregar en bandexa ao seu compañeiro.

O Valencia recuperouse ben do golpe e a poucos minutos do descanso contestou cun gol de Maxi Gómez a pase de Wass, os dous, ex xogadores do Celta (o primeiro non quixo celebrar o tanto). Na segunda metade, Aspas volveu marcar para os celestes, que mesmo puideron lograr o terceiro cun disparo ao paus de Brais Méndez pouco antes do 90. O Celta suma catro puntos.

O 'Puma' Rodríguez, decisivo

A velocidade, insistencia e precisión do panameño 'Puma' Rodríguez, nova fichaxe alvibermella, e o desborde de Gerard Valentín permitiron ao CD Lugo sumar os tres primeiros punto en LaLiga SmartBank tras derrotar 2-1 ao potente Leganés.

Sobre o novo céspede do Anxo Carro, o Lugo remontou no segundo tempo o tanto que lograra Sabin Merino no minuto 23 de partido. O empate a un, no minuto 65, foi obra do 'Puma' Rodríguez. Xa tivera a ocasión de marcar minutos antes, tras controlar co peito e xutar coa dereita, mais, co porteiro batido, o remate do atacante alvibermello salvouno de cabeza Sergio González.

O 2-1 definitivo chegou con polémica. Foi desde os once metros tras sinalar o colexiado a pena máxima a instancias do VAR. O árbitro revisou a xogada no monitor e decretou que Perea derrubara de forma ilegal a Valentín dentro da área.

comentarios