Villarejo: "O Real Madrid amañou partidos antes que o Barça, pero Florentino é intocábel"

O ex comisario carga contra o empresario e presidente do clube madrileño e afirma que sería "un suicida" quen se "atreva" a levalo ante os tribunais.
O ex comisario José Manuel Villarejo. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera O ex comisario José Manuel Villarejo. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O ex comisario José Manuel Villarejo acusou esta terza feira o Real Madrid e o seu presidente, Florentino Pérez, de realizar "actuacións respecto ao tema dos árbitros para o que era o amaño de partidos", "antes", dixo, de que o fixese o Fútbol Club Barcelona, que segundo Villarejo tamén incorreu neste práctica baixo a presidencia de Sandro Rosell.

"É imposíbel xudicializar algo neste país que afecte a don Florentino", afirmou, ao ser preguntado sobre a xudicialización do clube blaugrana, nun 'cara a cara' co ex líder de Podemos e ex vicepresidente do Goberno español, Pablo Iglesias, emitido na emisora catalá RAC1. Villarejo cre que sería "un suicida" quen se "atreva" a levar o empresario e presidente do Real Madrid ante a Xustiza, porque "é intocábel".

E a respecto do caso dos ex dirixentes do Barça Sandro Rosell e Josep Maria Bartomeu, imputados no marco do 'caso Negreira', Villarejo negou toda vinculación e declarou que este foi presentado como "un problema para a seguridade do Estado, polo tema do independentismo, e seguiron con ese conto". Nese sentido, engadiu que a xuíza Carmen Lamela foi "enganada" porque "lle prometían ser membro do Tribunal Supremo".

Imputación do Barça

O titular do Xulgado de Instrución 1 de Barcelona, que investiga o 'caso Negreira', atribúe a todos os investigados do caso un presunto delito de suborno, incluíndo o Fútbol Club Barcelona como persoa xurídica, segundo o auto difundido esta quinta feira. Neste sentido, avisa de que o suposto suborno "consumouse ao realizarse o pagamento, desmóstrese ou non a corrupción sistémica".

Esta causa investiga os pagamentos do Barça ao ex vicepresidente do Comité Técnico Arbitral (CTA), José María Enríquez Negreira, a través das súas empresas, e están investigados o propio Negreira, o seu fillo Javier, o Barça como persoa xurídica, os ex presidentes blaugranas Sandro Rosell e Josep Maria Bartomeu, así como os ex directivos do clube Óscar Grau e Albert Soler e mais a empresa de Negreira DASNIL 95 SL.

Comentarios