Xustiza

'Caso Negreira': o Barça, imputado por un delito de suborno

A Garda Civil rexistra as instalacións do Comité Técnico de Árbitros, dentro da sede da RFEF, no marco da investigación dos pagamentos ao ex vicepresidente desta institución, José María Enríquez Negreira. Están a ser investigados os ex dirixentes blaugranas Josep Maria Bartomeu e Sandro Rosell.
O ex presidente do Barça Josep Maria Bartomeu figura na causa como imputado canda o seu predecesor, Sandro Rosell. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ex presidente do Barça Josep Maria Bartomeu figura na causa como imputado canda o seu predecesor, Sandro Rosell. (Foto: Europa Press)

O titular do Xulgado de Instrución 1 de Barcelona, que investiga o 'caso Negreira', atribúe a todos os investigados do caso un presunto delito de suborno, incluíndo o Fútbol Club Barcelona como persoa xurídica, segundo o auto difundido esta quinta feira. Neste sentido, avisa de que o suposto suborno "consumouse ao realizarse o pagamento, desmóstrese ou non a corrupción sistémica".

Esta causa investiga os pagamentos do Barça ao ex vicepresidente do Comité Técnico Arbitral (CTA), José María Enríquez Negreira, a través das súas empresas, e están investigados o propio Negreira, o seu fillo Javier, o Barça como persoa xurídica, os ex presidentes blaugranas Sandro Rosell e Josep Maria Bartomeu, así como os ex directivos do clube Óscar Grau e Albert Soler e mais a empresa de Negreira DASNIL 95 SL. En concreto, o xuíz atribúe a Negreira un presunto delito continuado de suborno pasivo como autor, e ao seu fillo considérao cooperador necesario, mentres que ao FC Barcelona e aos ex directivos investigados atribúelles un presunto delito de suborno activo.

O instrutor mantén, como cualificación alternativa ao delito de suborno, que os pagamentos que ascenden a 7,5 millóns de euros desde 2001 até 2018 supuxeron un presunto delito de corrupción deportiva, que é o delito polo que a Fiscalía e o árbitro Xavier Estrada Fernández presentaron as querelas que deron pé á causa. Os implicados recibiron o auto esta mesma quinta feira, coincidindo cos rexistros da Garda Civil na sede do CTA na Real Federación Española de Fútbol (RFEF) por orde do instrutor.

"Corrupción sistemática" na arbitraxe

Polo que investigou até o de agora, o xuíz sabe que os pagamentos perduraron uns 18 anos e que se multiplicaron desde os 70.000 euros anuais até os 700.000: "Por dedución lóxica os pagamentos realizados polo Barcelona satisfacían os intereses do club en atención á súa duración e ao incremento anual". O xuíz tamén deduce que "os pagos produciron os efectos arbitrais desexados polo FC Barcelona, de tal maneira que debeu existir unha desigualdade no trato con outros equipos e a consecuente corrupción sistémica no conxunto da arbitraxe española".

Engade que o Barça prescindiu dos servizos de Negreira en canto el cesou da vicepresidencia do CTA, tras o que el "enviou unha carta intimidatoria ao ex presidente do FC Barcelona Bartomeu indicándolle, en esencia, que se non lle seguían pagando revelaría unha serie de feitos que poderían prexudicar gravemente o clube". Para o xuíz, desta carta "despréndese que Enríquez Negreira tiña conciencia de que se produciron actos ilícitos en favor do FC Barcelona de bastante gravidade".

Suborno a un funcionario

No auto, o xuíz Joaquín Aguirre apunta que a RFEF, da que é parte o Comité Arbitral, "ten a efectos penais a condición de entidade xurídico-pública", e por tanto engade que os seus directivos deben ser considerados como funcionarios a efectos penais. O xuíz tamén recolle a xurisprudencia sobre o delito de suborno, que afecta os funcionarios públicos cando reciben pagamentos dun particular, é dicir, un suborno. Respecto a este delito, o xuíz avisa de que o suborno "consumouse ao realizarse o pago, demóstrese ou non a corrupción sistémica da arbitraxe española por mor de tales pagos".

Comentarios