ciclismo

O Vigo-Rías Baixas refórzase co veterano esprinter Fran García Rus

A formación ciclista galega suma nove xa nove fichaxes.
Rus, durante a Volta a Zamora. (Foto: Vigo-Rías Baixas).
photo_camera Rus, durante a Volta a Zamora. (Foto: Vigo-Rías Baixas).

Velocidade, carácter e experiencia para o Vigo-Rías Baixas. O murciano Francisco García Rus vén de converterse nunha das grandes fichaxes da tempada para a entidade presidida por José Luis Chamorro de cara o seu novo proxecto, pois o ex profesional é un dos corredores máis laureados da categoría elite/Sub-23. 

A presenza de Jesús Blanco Villar como director deportivo resultou chave para a chegada ao conxunto flúor dun ciclista que supera as 30 vitorias.

"Volver traballar con Suso é unha gran alegría, porque para min foi como un pai no ciclismo, unha persoa coa que compartín moitos éxitos e coa que espero seguir conseguíndoos", comentou o esprinter de Caravaca de la Cruz sobre a relación que lle une con quen foi o seu técnico durante tres tempadas. 

Profesional no ano 2019, cando militou nas filas da formación portuguesa Aviludo-Louletano, no seu palmarés sobresaen vitorias como a do Memorial Pascual Momparler, o Gran Premio Macario e etapas nas voltas a Navarra, Zamora, Galiza ou á Provincia de València, subindo ao máis alto do podio, só na pasada compaña, no Trofeo Concello de Zamora, o Gran Premio de Cuéllar e no Memorial Manolo Sanroma, onde tamén gañou unha das etapas. 

"Este 2024 a miña prioridade vai ser gozar e, se é posíbel, conseguir algunha vitoria para o equipo. Se o logramos, estaremos máis que contentos", afirmou o veterano velocista de 31 anos, que combinará o seu calendario de estrada co de guía de tándem no paraciclismo.

O seu nome súmase así ao de Eusebio Pascual, Tomás Miralles, Iván Díaz, Álvaro García, Owen Lightfoot, Javier Sánchez, Dylan Jiménez e Juan Pablo Sossa como novena incorporación dun Rías Baixas que "nos próximos días" prometeu desvelar "máis reforzos".

Comentarios