ciclismo

Cofidis, outra escuadra World Tour para o Gran Camiño

A formación gala xa é unha histórica do certame, pois participou en todas as edicións até a actualidade.
Antía Chamosa é a líder da actual xeración de marchadoras galegas. (Foto:SCXP).
photo_camera Antía Chamosa é a líder da actual xeración de marchadoras galegas. (Foto:SCXP).

O Gran Camiño contará con sete equipos da categoría World Tour na súa edición de 2024, logo de confirmarse esta terza feira a presenza do Cofidis. Isto significa que a proba anteriormente coñecida como Volta Ciclista á Galiza dobrará a presenza de conxuntos da elite na liña de saída, o que significa un gran salto de calidade.

Cofidis xa é unha formación histórica da carreira, pois, co Movistar, é a única que foi da partida en todas as disputadas até a actualidade. Na anterior, en 2023, foi unha das grandes protagonistas, ao situar no segundo posto da clasificación xeral a Jesús Herrada e a Simon Geschke e Rubén Fernández no 'Top-10'.

A maiores, os e as afeccionadas puideron gozar do espectáculo protagonizado polo dúo Izagirre-Herrada na tirada do Monte da Trega, onde foron terceiro e quinto, respectivamente, bo papel que repetirían un día despois en Rubía, cando Herrada cruzou a liña de meta cuarto e Rubén Fernández, sexto.

Cunha actitude sempre combativa, na Galiza tamén obtivo bos resultados nas súas dúas participacións anteriores, situando tres homes entre os 10 primeiros  da xeral (Rubén Fernández, Ión Izagirre e Jesús Herrada). Ademais, Fernández foi terceiro na etapa finalizada no Miradoiro de Ézaro; Ión Izagirre e o propio Fernández foron sexto e sétimo en Luintra; mentres que na contra o reloxo final Herrada asinou un segundo e Ión Izagirre un cuarto.

Fóra da Galiza, a veterana escuadra gala vén de triunfar na última tempada con tres vitorias en grandes voltas: un dobrete no Tour con Ión Izagirre e Víctor Lafay e o triunfo do antedito Jesús Herrada na Vuelta Ciclista a España. E, alén dos mencionados, no seu cadro persoal de 2024 figuran destacados corredores franceses, como o veterano velocista Bryan Coquard, todo un terreo como Kenny Elissonde ou un Guillaume Martin que sempre é candidato a todo nas grandes voltas. 

As bicicletas rodarán a partir do 22 de febreiro

O Gran Camiño 2024 partirá o próximo día 22 de febreiro cunha contra o reloxo polas rúas da Coruña. A segunda etapa decorrerá polos concellos de Taboada e Chantada, dando o salto ao sur do país para a súa terceira tirada, que unirá Ribadavia con Xinzo de Limia. Finalmente, o certame baixará o pano o 25 de febreiro cun percorrido entre Ponteareas e unha localidade que se revelará ao público o próximo sábado.

Comentarios