O veto ás bandeiras de Palestina condiciona o Breogán-Hapoel da Champions

A afección luguesa mobilizouse contra a prohibición.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e a deputada Iria Castro, hoxe coa kufiyah. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e a deputada Iria Castro, hoxe coa kufiyah. (Foto: Nós Diario)

O Leite Río Breogán de baloncesto compartiu na noite da pasada terza feira nas súas redes sociais –cando xa estaba fechada a edición en papel deste xornal–  un comunicado onde se informaba da prohibición de entrar ao Pazo Provincial dos Deportes de Lugo con "bandeiras, símbolos ou outros sinais" relacionadas co conflito entre Palestina e Israel durante o partido que enfrontou no día de onte o conxunto lucense e o Hapoel Holon israelí no marco da fase de grupos da Basketball Champions League (BCL). Unha simboloxía que o club considerou "susceptíbel de alterar a orde pública con base na situación de conflito internacional actual".

Trátase dunha decisión que o Breogán fundamentou tanto en "conversas previas mantidas coas correspondentes Forzas e Corpos de Seguridade do Estado" así como coa propia competición, como no Real Decreto 203/2010, do 26 de febreiro, que regula a prevención da violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte. 


Esta decisión xerou moito malestar entre parte da afección celeste, que considerou que lle impediu a "liberdade de  expresión" e mostrou a súa "solidariedade" cunha poboación "que está a ser bombardeada, con miles de mortos".

"Baleirar" o Pazo

As reaccións a esta prohibición non tardaron en chegar, e desde colectivos de afeccionados do Breogán, como é o caso dos Embreogados, fixeron un chamamento a deixar "baleiro" a parte do fondo do Pazo dos Deportes que estes seareiros  ocupan de maneira habitual. Ademais, a plataforma Lugo con Palestina convocou diversas accións, animando a participar nunha andaina que tivo lugar desde a Facultade de Veterinaria como punto de encontro até o Pazo dos Deportes. Asemade, as activistas propuxeron "non acceder ao recinto até o inicio do partido como sinal de repulsa".

"Símbolo do dereito a existir dun pobo lexítimo"

Pola súa parte, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo condenou" calquera restrición do dereito da cidadanía á protesta pacífica", engadindo que "a exhibición de bandeiras de estados recoñecidos pola Organización de Nacións Unidas (ONU), como é o Estado palestino, non incita á violencia nin ao odio", senón que son "o símbolo do dereito a existir dun Estado lexítimo" como é Palestina.

"Nada xustifica o xenocidio que está a sufrir o pobo palestino", sinalaron desde a Vicepresidencia da entidade provincial, reafirmando a súa "firme condena aos ataques á poboación civil, que están a provocar milleiros de vítimas na Faixa de Gaza". "Reclamamos o cesamento definitivo do fogo e unha saída ao conflito, negociada e baseada no cumprimento das resolucións da Organización das Nacións Unidas", conclúe o comunicado remitido desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo aos medios de comunicación e compartido nas redes sociais da entidade provincial.

Nesta liña, o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, e a deputada Iria Castro, ambos do BNG, quixeron mostrar publicamente o seu apoio e a súa solidariedade co pobo palestino no Pazo dos Deportes, onde decorreu o encontro entre o Breogán e o israelí Hapoel Holon. Ante a imposibilidade de acceder ao recinto coa bandeira palestina, Castro e Castro asistiron ao encontro da Basketball Champions League vestindo cadansúa kufiyah, pano típico da Palestina.

Comentarios