O Obradoiro busca un triunfo para albiscar os 'play-off'

Achegarse á zona nobre, misión para o Obradoiro ante o Zaragoza.
Na pasada tempada o conxunto capitalino logrou imporse nos seus dous duelos contra o conxunto maño. (Foto: ACB).
photo_camera Na pasada tempada o conxunto capitalino logrou imporse nos seus dous duelos contra o conxunto maño. (Foto: ACB).

A competición acaba de comezar, pero cada vitoria conta na máxima categoría do baloncesto masculino estatal. Por iso, o Monbus Obradoiro tratará de superar o Casademont Zaragoza nun choque que podería achegalo aos postos de privilexio da táboa clasificatoria.

A 'caldeira' do Sar volverá ferver a partir das 20 horas desta cuarta feira cun encontro que enfronta dous conxuntos instalados na zona morna da clasificación -cun triunfo cada un- que teñen o común obxectivo de rematar esta cuarta xornada ligueira axexando uns postos de play-off que integran sete equipos empatados a tres vitorias.

O técnico da escuadra capitalina, Moncho Fernández, puxo en valor na rolda de prensa previa ao partido as virtudes do seu rival, destacando unha forma de xogar "moi recoñecíbel": "Corren moito, fan moito dano desde as recuperación, son moi verticais e teñen un bo un para un, ao que hai que engadir o gran traballo no poste baixo de [Jahlil] Okafor e a xente que teñen para anotar desde o perímetro".

Fernández incidiu no perigo que representa o pivote Okafor, lembrando que non por nada foi a terceira elección do Draft da NBA en 2015, pois "estaba chamado a ser un dos mellores, pero as lesións truncáronlle a carreira". Aínda así, definiu o estadounidense como "o mellor poste baixo da Liga", onde nos tres primeiros xogos anotou de media 12,3 puntos e recolleu 4,7 rebotes en 19 minutos, cifras salientábeis, pero aínda afastadas das da súa mellor versión, a da súa primeira tempada na NBA, antes da sucesión de lesións nos xeonllos que padeceu, rexistrando 17,5 puntos e 7 rebotes por partido cos Philadelphia 76ers. 

Para contrarrestar todas estas bazas dos maños, o Monbus Obradoiro deberá evitar, segundo o seu técnico, "deixar detalles ao azar". "Temos que estar atentos a todo, xa que o Casademont quererá complicar a nosa lectura do partido con defensas alternativas. Por iso, será básico intentar frearlles o seu xogo, xa que son dos equipos que máis corren e maior beneficio sacan dos primeiros segundos da posesión, polo que nos obrigarán a evitar as perdidas e a ser bos no balance", concluíu Fernández.

Agravanis sae do Leite Río Breogán

O outro representante da Galiza na Liga ACB, Leite Río Breogán de Lugo, non afronta partido intersemanal nesta ocasión, mais a entidade celeste está de actualidade por anunciar onte nun comunicado o adeus de Dimitrios Agravanis.

 A aventura deste ala-pivote grego internacional na Cidade da Muralla chega así á súa fin pouco máis dun mes despois da súa fichaxe polo Breogán a causa dunha lesión no adutor que lle impediu "ter continuidade no traballo co equipo", polo que acordou co club "a finalización do seu contrato". 

 Mancado orixinalmente xa en setembro ante o Valencia, volveu sentir as molestias no choque ligueiro contra o Baxi Manresa, última ocasión en que vestiu a celeste.

Ademais, tamén semella estar na rampla de partida o ala Anthony Polite, tamén 'tocado' nos adutores, quen será sometido a unha revisión no día de hoxe "para valorar a súa lesión.

E, se uns saen, outros deben entrar, polo que se abren de par en par as portas do mercado para un Breogán no que estará de estrea a próxima fin de semana o base Conner Frankamp.

Comentarios