Baloncesto

Palencia e Baskonia, primeiros rivais de Obradoiro e Breogán na ACB

A Liga ACB fixo público o calendario da nova tempada 2023/24. Os equipos galegos, Leite Río Breogán e Monbus Obradoiro, debutarán  na fin de semana do sábado 23 de setembro, e ambos como locais. No caso lucense, o seu rival será o potente Baskonia, mentres que no compostelán colisionará contra o Zunder de Palencia.
O primeiro derbi entre Monbus Obradoiro e Leite Río Breogán está previsto o 23 de decembro. (Foto: CAB Obradoiro).
photo_camera O primeiro derbi entre Monbus Obradoiro e Leite Río Breogán está previsto o 23 de decembro. (Foto: CAB Obradoiro)

Os dous representantes da Galiza na Liga ACB, a máxima categoría do baloncesto estatal, xa coñecen o calendario da tempada 2023/24, que será a décimo terceira consecutiva na elite para o Munbus Obradoiro e a terceira para o Leite Río Breogán.

A primeira en entrar en xogo será a escuadra compostelá, que debutará o sábado 23 de setembro, ás 20.45 horas da tarde e no Sar, contra un dos equipos que veñen de conseguir o ascenso á ACB, Zunder Palencia.

Os pupilos de Marco Justo, que substituíu Pedro Rivero á fronte do banco palentino a principios de xullo pasado, tratarán de sorprender os de Moncho Fernández cos valores que os levaron a ser o segundo mellor equipo da pasada LEB Ouro e coas ameazas engadidas que representan as incorporación de homes do nivel de Iván Cruz ou Yannick Frankle.

Pola súa parte, o Breogán tamén estreará a campaña 2023/24 como local, recibindo o domingo 24 de setembro ás 17 horas un dos 'cocos' da competición, o Baskonia de Vitoria.

Segundos na última fase regular, a só un triunfo dos primeiros (Fútbol Club Barcelona), os vascos tratarán de resarcirse do mal sabor de boca que lles deixou a súa prematura eliminación nos cuartos de final do play-off ligueiro a mans do Joventut de Badalona.

Enfronte, un Leite Río que tamén quere sacar a espiña do último precedente deste partido, pois Baskonia impúxose no Pazo Provincial en plenas festas de Nadal por 77-86.

Precisamente, nesas datas terá lugar o primeiro derbi galego da tempada, e máis concretamente o 23 de decembro. Será en Lugo ás 18 horas da tarde no marco da xornada 15, e o Breogán devolverá a visita ao Obradoiro na vixésimo sexta data, programada ás 20.45 horas do 23 de marzo.

Con respecto ao final da competición, e dependendo das habituais modificacións de última hora, a entidade celeste viaxará até Murcia para colisionar contra o UCAM na fin de semana do 11 de maio, mentres que a santiaguesa fará o propio ese mesmo día ante os cataláns do Joventut de Badalona.

Comentarios