O Breogán disputará a Liga de Campións do Baloncesto

O Obradoiro deberá obter boleto na fase previa.
Luca Brajkovic 'machacando' na visita do Breo ao UCAM Murcia. (Foto: Río Breogán)
photo_camera Luca Brajkovic 'machacando' na visita do Breo ao UCAM Murcia. (Foto: Río Breogán)

A oitava edición da Basketball Champions League terá, polo menos, un equipo galego entre os seus participantes: o Leite Río Breogán de Lugo. O conxunto celeste fai o seu regreso ás competicións europeas 37 anos despois da súa última aventura continental, en 1986, cando disputou sen moito éxito unha Copa Korac da que quedou eliminado ás primeiras de cambio tras caer derrotado contra o Varese italiano, o Villeurbanne francés e o Estrela Vermella iugoslavo.

Para coñecer os nomes dos seus rivais nesta nova incursión europea aínda haberá que agardar até un sorteo que se desenvolverá dentro de seis días, concretamente o 5 de xullo.

Non obstante, a organización -que corresponde á Federación Internacional de Baloncesto (FIBA)- xa revelou que o torneo contará cunha primeira fase nas que os 32 equipos participantes estarán estruturados en oito grupos de catro membros, obtendo o primeiro de cada un  o pase directo aos oitavos de final, mentres que os segundos e os terceiros terán que saír vitoriosos dun play-in para coarse entre os 16 mellores, que divididos en catro bloques pelexarán por obter un boleto que os introduza na decisiva final four.

Pero iso, como se adoita dicir, sería pór o carro diante dos bois xa non só para os 29 equipos clasificados para a Champions -entre os que se inclúen o propio Leite Río Breogán, 14 campións nas súas respectivas ligas nacionais ou escuadras do nivel de Unicaja Málaga-, senón especialmente para os que aspiran a lograr unha das tres prazas restantes na fase previa.

Entre eles está outro conxunto da Galiza, Monbus Obradoiro, que no seu primeiro achegamento a Europa loitará con outros 23 candidatos entre o 23 de setembro e o 1 de outubro.

Polémica en Lugo con Javier López Muñoz

Unha de cal e outra de area no Breogán. A boa nova da oficialización da participación europea tivo a pequena sombra da polémica protagonizada polo seu  segundo adestrador esta última tempada, Javier López Muñoz.

O técnico anunciou que denunciará o Consello de Administración do club pola difusión dunhas "conversas privadas" a través de WhatsApp que afectaron á súa "honra", apostilando ademais que o seu obxectivo non é "desestabilizar" ou "prexudicar" a institución.

Comentarios