Cabo de Cruz, SD Tirán e Ares

As traiñeiras galegas afrontan con forza as vindeiras regatas da Liga ACT

Traiñeira Tirán Maider Celada Eusko Label Liga

As embarcacións galegas de Cabo de Cruz, Tirán e Ares están a competir na Liga ACT. Após o seu paso nas dúas primeiras edicións da ACT, a traiñeira de Tirán converteuse nun dos habituais da Liga San Miguel na que leva bogando desde o 2008. Malia que a temporada pasada pugnou nunha dura loita que os mantivo na segunda quenda, este 2017 os de Moaña están a competir no seu mellor momento. Após conquistar o Campionato Galego e deixando atrás os tres anos consecutivos de hexemonía da embarcación de Cabo de Cruz, afrontan “de xeito optimista as vindeiras regatas” que están a preparar con “forza e moitas gañas”.

Hai tres palabras que definen a este clube: “paciencia, forza e confianza”, en palabras de Jesús Fernández ‘Patxi’, un dos remeiros do Tirán que após dunha grave lesión que puxo en dúbida a súa volta ó deporte, o pasado 1 de xullo volveu desfrutar da súa grande paixón.

Cabo de Cruz, situado tan só a un punto da Tirán na clasificación xeral, afronta as vindeiras regatas sendo conscientes de que os de Moaña van ir a por todas. Após da súa desbancada no Campionato Galego, os remeiros da embarcación dirixida por Óscar Hermo saben que “as regatas finais van ser moi duras e competidas” por iso tentarán estar concentrados ao 200%.

A grande sorpresa da temporada sen dúbida é a presencia de Ares na Liga ACT, algo histórico para o clube de remo de Ferrolterra-Eume. Após de lograr o ascenso á Primeira División xa o dicía Julio Alberto Rañales, remeiro e directivo do clube, “é algo histórico, algo incríbel e moi grande, competiremos o mellor que poidamos e desfrutaremos deste soño”. Así o están a facer, competindo como un máis de tu a tu coas grandes traiñeiras galegas, vascas e cántabras, malia estar en onceava posición na clasificación xeral afrontar “con gañas, forza e ilusión as vindeiras regatas”.

Calendario Liga ACT

En agosto disputarase a tradicional Bandeira de Zarautz, a dobre xornada, e a última fin de semana do mesmo mes as traiñeiras volverán a Galiza que acollerá catro regatas este verán. Xa no mes de setembro, após das dúas fins de semana da Bandeira da Concha, a disputarse en Bizkaia as dúas últimas regatas, o 16 en Bermeo e o 17 en Portugalete, a definir o título e os playoff cos equipos das Liga ARC e da Liga Galega.

Comentarios