Toimil e Peleteiro, ao Campionato de Europa de pista cuberta de Toruń

As dúas atletas galegas, entre as seleccionadas para a competición continental na cidade polaca.
Belén Toimil aspira a revalidar o seu ouro no Estatal universitario. (Foto: Europa Press).
photo_camera A lanzadora de peso Belén Toimil, o pasado 20 de febreiro en Madrid, no Campionato de España (AFP7 / Europa Press)

No día de hoxe dábase a coñecer a lista oficial de seleccionadas e seleccionados para tomar parte no Campionato de Europa de Pista Cuberta onde saltaba a noticia da selección de Belén Toimil, que tomará parte no concurso de lanzamento de peso. Canda a Ana Peleteiro en triplo salto, as dúas conformarán a expedición galega que tomará parte nesta importante cita, do 4 ao 7 de marzo na localidade polaca de Toruń.

A selección de Toimil fai xustiza á formidable tempada invernal que está a ter a mundialista, que recentemente melloraba a súa mellor marca persoal en 62 centímetros, chegando até os 17,86 metros. Ademais, tamén hai pouco conseguía a medalla de ouro no Campionato de España de pista cuberta, transmitindo unhas excelentes sensacións que fan presaxiar un máis que probábel récord de España Absoluto da especialidade, actualmente en 17,94.

Pola súa parte, a plusmarquista estatal de triplo salto, Ana Peleteiro, tamén lograba no pasado Campionato de España o seu 16º título. Isto fai que viaxe a Toruń con maior seguridade na defensa do seu título europeo, conseguido na cidade escocesa de Glasgow en 2019 e onde estabeleceu a súa mellor marca persoal (14,73 metros).

Campionato de España

Por outra banda, esta fin de semana tamén hai competicións a nivel estatal na especialidade de lanzamentos longos, tanto na categoría absoluta como na de máster. A nivel absoluto, dispútase o Campionato de España de lanzamentos longos de inverno na cidade pacense de Montijo, onde tomarán parte sete deportistas da Galiza.

A xavelina será o foco de atención xa que concorren catro das mellores lanzadoras galegas, estre estas a internacional e campioa de España en dez ocasións, Lidia Parada, do Atletismo Barbanza, que chega coa segunda mellor marca das participantes. 

Xunto a ela estarán lanzando a subcampioa estatal ao aire libre do ano pasado, Carmen Sánchez, a subcampioa de España Sub23, Ivanna Carolina Román, do Ría Ferrol, e a tamén subcampioa de España Sub23 do ano 2018, Andrea González, da Gimnástica.

En martelo competirá Irene Gómez, que a pasada fin de semana conseguiu facerse co título estatal de promoción. 

Pola parte masculina estarán Carlos Revuelta, que aspirará a mellorar a cuarta posición no estatal de lanzamentos logrado o ano pasado. O tamén martelista Sub23 Yago Araujo, do Real Club Celta, debuta nesta categoría co obxectivo realizar un bo campionato, como xa fixera o ano pasado cando se fixo co bronce sendo Sub20.

Máster en Barbastro

E na categoría de máster, serán tres os deportistas galegos que viaxarán á localidade aragonesa de Barbastro esta fin de semana para participar no Campionato de España de lanzamentos longos de inverno.

Ana Abuín, da Atlética A Silva, será quen defenda os seus dous títulos estatais F60 de martelo e martelo pesado logrados o ano pasado na cidade andaluza de San Fernando. 

Por parte masculina, dobre representación no lanzamento de xavelina, con presenza de Pepe Domínguez, da Atlética A Silva, que logrou en 2020 o subcampionato no estatal M45 de lanzamentos longos de inverno en Zuera (Aragón); e de Javier Viteri, do Samertolameu, na categoría M55, que tamén foi prata na competición disputada en San Fernando. 

Comentarios