Moito máis que tres puntos en xogo en #Onosoderbi

Xa está aquí #onosoderbi.  Faltan minutos. Todos os derbis son especiais, mais este, se é especial por algo, é polo seu dramatismo. Depor e Celta -último e penúltimo na táboa clasificatoria- paséanse polo gume da navalla. Non hai permiso para fallar, nomeadamente no caso da equipa branquiazul.
derbi
photo_camera derbi

Deportivo e Celta volven, sete anos despois, xogar un derbi en primeira en Riazor. Un acontecemento que comezará en minutos (21:45. Marca TV) e que mobiliza a milleiros de galeg@s. #Onosoderbi xa é TT nas redes sociais desde media tarde. O ambiente, inmellorábel. Axiña a bola correrá polo campo, e con ela as esperanzas de celtistas e deportivistas, conscientes do moito que se xogan neste partido.

Se o ollarmos cunha focaxe exclusivamente resultadista, o Deportivo xógase máis do que o Celta en Riazor. Dito doutro xeito: unha derrota do combo de Fernando significaría o virtual adeus á Primeira División e unha visita aos infernos de desenlace incerto, dado o estado comatoso en que se achan as finanzas do clube coruñés, en suspensión de pagamentos. O Celta ten máis marxe de erro, a que lle dá os 6 pontos cos que avantaxa ao seu eterno rival norteño. 6 pontos son 2 partidos. 2 vitorias. Distancia insalvábel? Non cando faltan 11 xogos por se disputar. Mas a leitura é moi outra se reparamos en que o Deportivo só foi quen de conseguir 3 vitorias nos 27 primeiros capítulos do campionato.

Fernando e Abel foron polo rego no outro partido, no que se disputa nas conferencias de imprensa. Apelos á intensidade. A importancia dos pontos en xogo. Fernando tentou tirar presión aos seus argumentando que tampouco o encontro é eliminatorio mentres as matemáticas digan o contrario (se o Deportivo descender non será pola falta de optimismo do treinador de Castrofeito). Todas as cartas están sobre a mesa. Ambas equipas coñécense de máis e tampouco é que teñan demasiados ases na manga. Abel xogará coa ansiedade dos branco azuis e fiará todo á inventiva de Aspas. Fernando agarda que Riazor desequilibre e encoméndase a que as estatísticas son favorábeis á súa equipa nos últimos confrontos directos (2 vitorias a pasada tempada en Segunda División, un empate nesta en Balaídos na primeira volta).

Que onces se verán as caras sobre o relvado cando o árbitro asubíe o comezo do xogo? Hai algunhas dúbidas sobre o tapete. Na beira norteña, non é seguro que Marchena estexa en condicións de retornar ao eixo da zaga, o que daría opcións a Insua de ser titular (se así for, sería o único galego  en liza de inicio nos branco azuis). Silvio ou Ayoze sería a outra incógnita a esclarecer no flanco esquerdo. Na beira sureña, e polo visto durante os treinamentos, Abel manexa dúas opcións para a liña de tres cuartos: ou Orellana, do que se agardaba un maior rendimento, ou o sempre afouto e enérxico De Lucas.

Así as cousas, Deportivo e Celta formarán con:

Deportivo: Aranzubía, Silvio, Marchena, Aythami, Manuel Pablo, Abel Aguilar, Juan Domínguez, Gama, Pizzi, Valerón e Riki.

Celta: Javi Varas, Jonny, Túñez, Demidov, Roberto Lago, Oubiña, Pranjic, Augusto, De Lucas, Bermejo e Iago Aspas.

Árbitro: Velasco Carballo (Madrid).

Todo pronto, pois, para #onosoderbi, unha tempada máis.

 

Comentarios