Tirán e Cabo impóñense no Teresa Herrera de traiñeiras

Os de Moaña venceron na categoría masculina e as da Barbanza na feminina.

Tirán traiñeiras act Maider Celada remo
photo_camera Imaxe: Maider Celada

O Teresa Herrera de traiñeiras é unha das citas obrigadas para o remo galego, embora non sexa puntuábel. Nesta edición estreaba categoría feminina, que foi para as remeiras de Cabo de Cruz, que se impuxeron ás de Chapela e A Cabana.

Ningunha embarcación quixo perderse a cita da fin de semana, que coincidía co Campionato de España, no que renunciaron participar as traiñeiras galegas. Iso facilitou que as 'embarcacións estrela' do remo galego, Tirán e Cabo de Cruz, estivesen no Orzán. Nesta edición a vitoria foi para Tirán, que marcou un tempo de 19'59'', superando a Cabo (20'02''), que entrou segunda. Ares foi terceira e Samertolameu, cuarta.

A vindeira fin de semana retomaranse as ligas, San Miguel e Galega. Na máxima proba, na que compiten 12 embarcacións vascas, galegas e cántabras, Tirán intentará seguir na liña destas semanas, que a situaron cuarta na clasificación. Cabo é oitavo.

Na Liga Galega de Traiñeiras, Samertolameu lidera a categoría A (compiten 11 embarcacións) con 83 puntos, mais seguida moi de perto por Ares (82) e A Pobra (81). Na categoría B participan 7 traiñeiras e está liderada por Rianxo (32 puntos), seguida por Cabo de Cruz B (30 ptos) e A Cabana, con 22. A Liga feminina está liderada por Cabo de Cruz.

Comentarios