Tenis

O tenis de base una forzas coa solidariedade no Tomiño

I Torneo Escolar de Tenis Benéfico.
O torneo será este domingo. (Foto: Federación Galega de Tenis).
photo_camera O torneo será este domingo. (Foto: Federación Galega de Tenis).

Deporte, diversión e solidariedade daranse a man no I Torneo Escolar de Tenis Benéfico, un encontro organizado pola Escola de Tenis en colaboración co Concello de Tomiño (Baixo Miño) que busca "promover a actividade deportiva entre a rapazada ao tempo que se fomentan valores como a solidariedade". 

"Este tipo de eventos son fundamentais para achegar aos máis novos e novas a outra realidade dun xeito ameno e lúdico, así como para continuar colaborando coas entidades locais que traballan día a día para axudar as persoas e familias que máis o precisan na nosa comarca", salientou o concelleiro de Deportes, Rubén García.

O certame desenvolverase o próximo domingo, 24 de marzo, nas pistas municipais do Tomiño desde as 09.30 até as 13.30 horas, e estará dirixido a crianzas de entre 4 e 13 anos. Para inscribirse e participar, as e os familiares dos interesados deberán doar comida non perecedoira ou roupa a SOS Tomiño Baixo Miño e á asociación Solidariedade nas Túas Mans. 

O campionato estará dividido en cinco categorías: peques, pre benxamín, benxamín, alevín, e infantil, e ademais de acción deportiva haberá merenda para as rapazas e rapaces inscritas e sorteo de agasallos.

Comentarios