Jessica Bouzas racha o seu propio teito e xa é a número 124 do mundo

A tenista vilagarciá é a mellor da Galiza a día de hoxe.
Jessica Bouzas. (Foto: RFET)
photo_camera Jessica Bouzas. (Foto: RFET)

A novísima tenista galega Jessica Bouzas está de parabéns, porque aos seus 21 anos continúa demostrando a súa progresión no deporte, como demostra a última actualización do ránking mundial da WTA. 

Este indicou que a de Vilagarcía de Arousa regresou ao 'Top-125' da clasificación internacional, que xa acadara no mes de outubro do pasado ano 2023. Non obstante, nesta ocasión mellorou o seu anterior rexistro, alcanzando unha posición inédita para ela, a 124.

Isto chegou logo de que lograse coarse nos cuartos de final do recente torneo WTA 125 de Puerto Vallarta (México), a onde clasificou tras acumular unha positiva xeira de 14 vitorias en 15 partidos, incluído o seu primeiro título ITF W75+H no Porto (Portugal), ademais da final do outro W50 da localidade portuguesa, categoría na que recentemente tamén levantou o W50 de Morelos (México).

Na súa última actuación, en Puerto Vallarta, Jessica Bouzas non puido comezar mellor, pois derrotou a estadounidense Taylor Townsend por 5-3 e 6-4, logrando así a cuarta vitoria da súa carreira profesional sobre unha muller situada no Top-100.

Posteriormente pasou por enriba da emerxente xogadora checa de 18 anos Linda Fruhvirtova por un duplo 6-4 6-4, para acabar cedendo coa arxentina María Lourdes Carlé, actual número 101 do ránking, por 4-6, 6-4 e 6-2.

Agora, e despois de renunciar a ser parte da fase previa do W250 ATX Open de Austin por coincidirlle co duelo de cuartos de final do W125 de Puerto Vallarta, a tenista galega agarda recibir a confirmación por parte da organización dun boleto para participar no prestixioso Indian Wells, un dos torneos denominados como Másters 1.000 e onde se darán cita os mellores homes e mulleres do planeta desde o 6 de marzo.

Comentarios