O Team Farto-BTC agarda prolongar o seu liderado na Copa de España

A escuadra pontevedresa é primeira no ránking estatal.
Nove corredoras defenderán as cores do Team Farto-BTC na localidade vasca de Beasain. (Foto: Team Farto-BTC).
photo_camera Nove corredoras defenderán as cores do Team Farto-BTC na localidade vasca de Beasain. (Foto: Team Farto-BTC).

A localidade guipuscoana de Beasain acolle o domingo a partir das 9 horas a Copa de España Feminina Cofidis 2021-I Premio Igartza, que se disputará nas categorías, Cadete, Xuvenil, Máster, Sub-23 e Elite.

Nestas últimas contará con representación o Team Farto-BTC, o único equipo ciclista de división UCI da Galiza, que viaxa até Euskadi con nove corredoras: Sara Bonillo, Liliana de Jesús, Agnieta Francke, Pilar Jiménez, Enara López -que regresa tras o seu grave accidente en xaneiro-, Sandra Moral, Diana Pedrosa, Anna Pujol e Teresa Ripoll. Ademais, a escuadra pontevedresa tamén competirá nas categorías inferiores, pois até Beasain desprazaranse Claudia García, Aroa  Mediavilla e mais Elspeth  Storrar, a nova incorporación inglesa do equipo filial.

O seu obxectivo será duplo, pois tratarán de lograr a vitoria final ao mesmo tempo que suman a meirande cantidade de puntos posíbeis para estender o seu liderado no ránking estatal por equipos, onde conta con 185 puntos, case 50 máis que o poderoso Movistar-Team, conxunto de División Mundial (World Team) que até o de agora tan só foi quen de sumar 136.

"Competimos con equipos que teñen máis dun millón e medio de euros de orzamento anual. Para nós, liderar a clasificación nacional era algo impensábel, e creo que aínda non somos conscientes do que estamos a conseguir", reflexionou Brais Dacal, o director dun conxunto que está a asinar un inicio de fantasía na que é a súa primeira tempada na categoría profesional.

Con respecto ás posibilidades das súas corredoras na Copa de España do domingo, Dacal manifestou que o principal obxectivo é "coller ritmo de competición para preparar as carreiras profesionais, mais tamén que as nosas ciclistas máis novas poidan disputar as súas propias probas con opcións".

O Vigo-Rías Baixas volve logo de superar a Covid-19

O calendario do equipo ciclista galego masculino Elite/Sub-23 do Vigo-Rías Baixas volve estar activo na xornada deste domingo, logo dunha breve paréntese por "prudencia sanitaria". 

A aparición no seu persoal dun caso illado de Covid-19 levou a dirección da estrutura presidida por José Luis Chamorro a renunciar "por cautela" ás carreiras que tiña previsto disputar a pasada fin de semana, así como a someter os seus corredores a probas PCR para tratar de detectar máis casos. 

Unha vez coñecidos os resultados negativos deses tests, o conxunto flúor regresa á competición na X Clásica Valladolid–Memorial Ángel Lozano. Lamentabelmente, ao non ser parte o domingo 18 de abril na Clásica Cidade de Torredonjimeno, as aspiracións da formación olívica na Copa de España víronse seriamente penalizadas. 

Polo tanto, a loita polas clasificacións xerais, tanto individual como por equipos, queda agora nun segundo plano e os pupilos de Marcos Serrano centraranse en buscar éxitos parciais nas citas dun certame estatal, a Copa de España, que alcanza mañá a súa cuarta xornada.

 Alí, ademais de Miguel Ángel Fernández, Ander del Castaño e compañía, tamén estarán os membros dos outros dous equipos galegos da categoría, Supermercados Froiz e Aluminios Cortizo, que agardan mellorar os resultados obtidos na Clásica Cidade de Torredonjimeno, onde ocuparon a sétima e a décimo novena posición, respectivamente.

Comentarios