Entrevista

Mari Paz Vilas: "Moita xente díxome que non recibo o recoñecemento que merezo"

Se houbese que estabelecer unha Santísima Trindade de futbolistas galegas contemporáneas sería difícil argumentar en contra da conformada por Tere Abelleira, Vero Boquete e Mari Paz Vilas (Vilagarcía, 1988), a eterna goleadora que segue perforando redes, agora na moderna Queens League.
A galega, posando coa Coroa de Ouro que a acredita como mellor xogadora do ano na Queens League. (Foto: Queens League).
photo_camera A galega, posando coa Coroa de Ouro que a acredita como mellor xogadora do ano na Queens League. (Foto: Queens League).

—O salto á Queens League foi un cambio moi importante. Non é como a futbolista que vai probar sorte a México ou Tailandia, onde o xogo segue sendo o mesmo. Aquí hai unha serie de modificacións que non son cousa miúda. Agardaba vostede que lle fose tan ben ou ía máis á aventura?
Aceptei xogar o meu primeiro split [períodos nos que se divide a tempada] no verán, durante as miñas vacacións, e porque tería a oportunidade de facelo coa miña amiga Sara Mérida, con quen non tivera ocasión de xuntarme antes. Foi unha aventura para divertirme e pasalo ben, pero como resultou unha experiencia tan brutal, cando se me puxo diante a opción de xogar na Queens League tomei a difícil decisión de cambiar todo o que fixera a nivel profesional por ese salto ao baleiro no que non sabía ben que me ía atopar, pero penso que acertei. A miña cabeza nunca estivo tan liberada despois duns anos bastante complicados, prioricei estar eu ben con todo xa feito no fútbol a seguir en Primeira.

—A Queens League é unha competición que comezou combinando xogadoras descoñecidas, por un lado, con veteranas con moito percorrido ás súas costas, como é o seu caso. Cre que co paso do tempo chegará a ser unha competencia da Liga F ou, porén, ambas seguirán camiños paralelos pero sempre distintos?
Creo que xa é unha alternativa. É unha competición de xente que tivo que deixar o fútbol por distintos motivos: porque non podían compatibilizalo cos estudos, lesións, saúde mental... e atoparon o seu lugar na Queens, o que é algo moi bonito. 

—A súa primeira tempada na Queens League non puido resultar mellor para vostede, pois foi a máxima goleadora (27), incluída no 'sete' ideal e recibiu o premio Coroa de Ouro á mellor xogadora do campionato. Entendo que a súa idea é continuar alí polo menos un ano máis...
Si, a idea é seguir, Ibai [Llanos] xa o dixo nas súas redes. Estou ben, a gusto, e agora mesmo non concibo moito o escoitar ofertas de Primeira, pese a ter algunha, porque non me ilusionaron. Cando a túa cabeza está noutro sitio, onde estás ben, é mellor seguir alí. 

—Mentalmente a presión debe ser menor aí que nesa Primeira División que deixou a un lado.
Non é pola presión como tal, eu vivín sempre coa presión e é algo que realmente me gusta. Trátase, máis ben, de certas cousas que acabas vivindo e que vas gardando na túa cabeza até que explotas por algún sitio. Eu, como profesional, douno todo, aínda que ás veces non recibes todo o que das. De todos modos, é certo que aquí a presión seguramente non é a mesma, pero estou por todo o que me dá a nivel emocional.

—Custou, tras máis de 20 anos practicando fútbol a alto nivel, introducirse nun deporte no que ás veces os goles pasan a valer dobre, entre outros cambios que tanto chaman a atención?
Non coñecía moito a competición, só vira a Final Four do primeiro split dos rapaces da Kings League no Camp Nou porque xusto estaba en Barcelona e tiña curiosidade. Despois, vin os catro primeiros partidos das rapazas para aprender un pouquiño das normas, pero tampouco me enterei de moito (ri), e cando debutei explotoume a cabeza, pero literal, foi toda unha tolemia: que se isto agora vale dobre, que agora as rivais lanzan un penalti porque lles tocou unha carta... nunca sabes o que vai pasar.

—Nunca oculta a súa paixón polo fútbol. Que lembranzas garda dos seus inicios no fútbol na súa Vilagarcía natal?
Gardo moitos recordos de todas as miñas épocas, sempre tratando de quedar co positivo. Eu chego a xogar co resto das mulleres moi reticente, porque facíao con homes e non quería cambiar, pero logo no Arousana xogamos fases de ascenso, fixen unha aposta con Valerón de se chegaba a 50 goles nunha tempada el agasallábame a súa camiseta... era só unha nena que soñaba con ser futbolista, era o único que quería facer.

—Desde eses primeiros goles no Atlético Arousana medrou até tornar nunha das mellores xogadoras da súa xeración non só xa a nivel galego senón estatal, levantando títulos, marcando máis de 500 goles... Non obstante, non se fala tanto de vostede como doutras protagonistas desa época. Non lle dá a impresión de estar dada un pouquiño de lado?
Si. Non es a primeira persoa que mo di, pero eu non lle dou tanta importancia. Din que non se me dá o recoñecemento que merezo por todo o que conseguín e, cando tanta xente cho di, seguramente sexa verdade. Pero imaxino que tamén, sendo eu como son, moi humilde, que o único que quere facer é gozar  e que o faga a xente que me ve, pasa que non busco ese, entre comiñas, postureo, ou que se me dea ese valor de cara ao público das redes sociais. 

Realmente non me dá igual, porque encantaríame que se recoñecese o meu traballo, pero quizais non me saiba vender como outras futbolistas. Mais eu valoro outras moitas cousas na miña vida; quen queira recoñecerme, benvido sexa, non me quita o sono para nada. Son maior, madurei e, por exemplo, o outro día cando fixen o saque de honra no Arousa-Valencia foi un gusto e un orgullo, sempre é bonito que se acorden de ti. 

Unha muller de récords que vestiu as cores da Irmandiña

A carreira de Mari Paz Vilas comeza no Atlético Arousana da súa Vilagarcía natal a comezos de século, cando era aínda unha adolescente. As súas estratosféricas cifras de goles -na súa última tempada alí, a 2005/06, marcou 55 dos 108 tantos do seu equipo- abríronlle as portas de clubs do nivel de Levante, Barcelona, Espanyol e Valencia, onde é ídolo.

Tamén as dunha selección española onde a pesar do seu gran rendemento foi sistematicamente ignorada por Quereda e Vilda, xogando só 25 partidos nos que marcou 15 goles, sete deles nun mesmo encontro ante Casaquistán en 2012, récord histórico da Roja. Ademais, foi peza fundamental no breve regreso da Irmandiña absoluta no ano 2007.

Comentarios