A seca goleadora de Aspas lastra o Celta

Só gañou tres partidos desde o último gol do dianteiro, en marzo
O '10' leva sete meses sen ser o protagonista nas celebracións. (Foto: LFP).
photo_camera O '10' leva sete meses sen ser o protagonista nas celebracións. (Foto: LFP).

A simbiose entre Real Club Celta de Vigo e Iago Aspas Juncal, o seu capitán, gran emblema vivinte e, para boa parte da parroquia celeste, mellor xogador da súa historia, é tal que a baixada de rendemento do astro de Moaña está lastrando os resultados do equipo até o punto de asinar o seu peor comezo como local.

O empate a dous goles o pasado domingo en Balaídos ante o Xetafe de Bordalás confirmou que o Celta de Rafa Benítez continúa asinando o peor inicio como local da súa centenaria traxectoria, pois sumou unicamente dous puntos en cinco encontros. 

Estes números só poden ser comparados cos da campaña 1995/96, na que non foi quen de gañar na casa durante as oito primeiras datas de campionato.

Non obstante, os Toni Prats, Patxi Salinas, Alejo, Desio, Eusebio, Ratković, Gudelj e compañía, chegada a novena xornada, acabaron coa negativa xeira de marcadores esnaquizando o Sevilla por catro goles a cero nun choque no que a principal diferenza cos anteriores radicou en que xa non sentaba no banco Carlos Aimar, destituído, senón o galego Fernando Castro Santos.

Porén, non semella que ese vaia ser o camiño que siga a directiva celeste para obter a tan anhelada vitoria, pois Benítez é a súa gran aposta deportiva polo centenario, e a parada competitiva de dúas semanas imposta polos partidos de clasificacións para a próxima Eurocopa das distintas seleccións nacionais choca con medidas tan drásticas.

Ademais, os resultados da escuadra olívica están directamente relacionados cun mal evidente dentro e fóra de Vigo, recoñecido incluso por boa parte dos moitos adestradores que desfilaron polo Celta as últimas tempadas: a Aspasdependencia.

O Príncipe das Bateas, que leva marcados 196 tantos como futbolista do primeiro equipo, marcou por última vez o 18 de marzo de 2023, cando un gol seu, de penalti, contribuíu ao triunfo por 1-3 sobre o Espanyol.

Desde entón, 20 encontros ligueiros despois, o Celta só foi quen de gañar tres (Elxe e Barcelona na 22/23 e Almería no presente exercicio), polo que a recuperación para a causa do dianteiro de 36 anos semella vital para salvar o ambicioso proxecto de Rafa Benítez. 

Comentarios