Santiago Futsal plantaralle cara ao Barça no Palau Blaugrana

Malia as baixas, o equipo de Santi Valladares quere mellorar o empate da primeira volta.


O Santiago Futsal visitará hoxe o Palau Blaugrana (21 horas) para disputar a décimo quinta xornada fronte ao FC Barcelona Alusport. Os cataláns son primeiros na clasificación con 34 pontos malia perder os seus últimos encontros diante o Ríos Renovables Ribera e o Triman Navarra. Os de Compostela están na sexta posición con 27 pontos e conseguiron un empate en casa (1-1) cando o Barça visitara o Multiusos Fontes do Sar.

Viaxarán a Barcelona, segundo a convocatoria facilitada polo clube, Lucho, Eloy, Carlos Barrón (p), Álex (p), Alan, Santi, Tallón, Raúl Campos, Jorge, David Pazos, Hamza e Diego Quintela. En conferencia de imprensa o técnico Santi Valladares comentaba que as baixas destes días non lle dan medo. "Nós imos a todas as canchas igual, aínda que sexa o lider e sexa o Barça". En relación ao FC Barcelona Alusport afirmou que "falar do Barça é outra historia, mais tamén era outra historia no partido da primeira volta e sacamos un bo resultado".

Comentarios