Requisa de bandeiras galegas coa estrela a seareiros celtistas no campo do Leganés

Malestar na afección celeste polo comportamento da seguridade do estadio de Butarque, que tamén prohibiu camisolas con tríscele e bandeiras das 7 nacións celtas.

Celta. Estreleiras. Requisa.
photo_camera Imaxe: @adrianrbravo

Non é a primeira vez e non parece que vaia ser a derradeira. Afeccionados galegos aos que se lles prohíbe entrar a un estadio de fútbol coa bandeira galega coa estrela vermella ou ben con outros elementos que os encargados de seguridade ou forzas de seguridade entendan que poden ser “nacionalista”.

Desta volta foi no Butarque, o estadio do Leganés, a onde se desprazaron centos de celtistas para apoiar o seu equipo. A través das redes sociais, peñas (Colectivo Nós, Tropas de Breogán ou Cigarróns Celestes) e afeccionados denunciaban a requisa destas bandeiras, así como de bufandas e outros elementos, como camisolas con tríscele e mesmo unha bandeira das 7 nacións celtas.

Unha seareira afirmaba na súa conta de twitter que a explicación que lle deron os de seguridade para retirarlle a bandeira era que esta era “anti-constitucional” e incitaba á “violencia”. Un argumento que xa é un vello coñecido das afeccións de equipos galegos no seu periplo por estadios de fútbol do estado. Cómpre lembrar que no seu día o goberno xustificou a confiscación de bandeiras nacionalistas galegas nos campos de fútbol e outros recintos deportivos porque poden "provocar unha reacción violenta".

 

Comentarios