Reino Unido e Irlanda organizarán a Eurocopa de 2028 e Italia-Turquía a do 32

A UEFA oficializa as próximas sedes da competición
O Estadio de Wembley acollerá a final da edición de 2028 (Foto: Nós Diario).
photo_camera O Estadio de Wembley acollerá a final da edición de 2028 (Foto: Nós Diario).

Apenas unha semana despois de que a FIFA confirmase que o Estado español, Portugal e Marrocos -coa participación especial da Arxentina, o Uruguai e o Paraguai, que acollerán cada unha un único partido nas primeiras fases do torneo- organizarán a edición de 2030 da Copa do Mundo de Fútbol, a súa homóloga europea, a UEFA, confirmou os nomes dos países que albergarán a Eurocopa de Nacións de 2028 e 2032. 

Seguindo a tónica iniciada neste século coa Eurocopa do 2000, que organizaron conxuntamente Países Baixos e Bélxica, que continuou con Corea-Xapón (Mundial 2002), Austria-Suíza (Eurocopa 2008), Polonia-Ucraína (Eurocopa 2012) e que tivo o seu máximo expoñente na Euro 2020, disputada conxuntamente en 11 países diferentes, o organismo reitor do deporte rei a nivel europeo determinou que as Eurocopas de 2028 e 2032 tamén teñan sedes múltiples.

A primeira será en Inglaterra, Escocia, Gales, Irlanda do Norte e Irlanda, sendo as cidades protagonistas Londres, Manchester, Newcastle, Birmingham, Glasgow, Cardiff, Belfast, Cardiff e Dublín.

Pola súa parte, Turquía, que recentemente retirou a súa candidatura para acoller a Eurocopa 2028, dando así vía libre á candidatura británico-irlandesa, aliouse con Italia para garantir que ningún dos dous países quedase sen premio de cara á edición de 2032. Xa que logo, cada nación terá cinco sedes, mais estas non se farán públicas até outubro de 2026.

Arabia Saudita, a polo Mundial de 2034

Quen non comparte protagonismo é Arabia Saudita. Inmersa nunha desatada campaña de sportwashing no marco do seu plan Visión 2030, presentou formalmente a súa intención de organizar o Mundial de 2034.

Comentarios