E se a selección galega xogase a Eurocopa, que?

Analizamos as posibilidades da Irmandiña de poder competir no torneo continental 
A liña ofensiva do equipo galego podería ser unha das máis potentes do torneo (Foto: Nós Diario).
photo_camera A liña ofensiva do equipo galego podería ser unha das máis potentes do torneo (Foto: Nós Diario).

A recentemente concluída rolda de oitavos de final trouxo consigo a eliminación do País de Gales, a derradeira nación sen Estado que quedaba en liza logo da eliminación de Escocia na primeira fase.

O feito da participación de ambas as dúas selección supón un recordatorio de que, a pesar de todas as trabas impostas desde Madrid e do feito de que a Fifa -o organismo reitor do fútbol mundial- é un ente privado que se mostra cada vez máis remiso a admitir federacións que non contan co apoio dun Estado detrás, a presenza de nacións como a galega en competicións oficiais deportivas internacionais é un obxectivo tan legal como lexítimo.

De feito, Euskadi presentou no pasado mes de decembro a súa solicitude para ser recoñecida como membro de pleno dereito da Fifa e da Uefa, algo para o que será determinante un cambio na postura obstrucionista do Goberno español, que se ampara nunha sentencia do Tribunal Constitucional de 2012 que avala as seleccións vascas "se non compiten contra España".

No caso galego, non terían de que preocuparse, pois os futbolistas do país foron sistematicamente ignorados nas súas convocatorias por parte do seleccionador español, Luís Enrique, que a pesar do seu altísimo rendemento non mostrou interese en contar na Eurocopa cos servizos de homes como Iago Aspas, Angeliño ou Brais Méndez.WhatsApp Image 2021-06-29 at 20.37.01sss

Unha selección cunha das dianteiras máis potentes

Realizando un exercicio de xornalismo ficción, se Galiza puidese competir a pregunta obrigada é "estaría na Eurocopa?". Moi probabelmente. A ampliación por parte da UEFA de 16 a 24 equipos participantes desde a edición de 206 permitiu que combinados como Irlanda do Norte, Albania, Islandia, Macedonia do Norte, Eslovaquia ou Finlandia disputasen a Euro por primeira vez na súa historia, ou que Escocia clasificase de novo 25 anos despois, sendo todos estes exemplos equipos que, home por home, mostran un nivel bastante inferior ao dun hipotético combinado galego.

Unha vez dentro, o axioma principal do fútbol, que é "todo é posíbel", impide dicir se a Irmandiña pelexaría simplemente por non caer na primeira fase ou tería obxectivos máis ambiciosos, pero a calidade e variedade de opcións que ofrece a presente xeración de futbolistas galegos leva a pensar que o escenario máis plausíbel sería o segundo.

Porque, cos devanditos Aspas e Angeliño como abandeirados, Galiza está na actualidade en disposición de presentar unha lista que destacaría especialmente polo poderío da súa liña ofensiva, que sería unha das maís temidas do torneo. Deste modo, acompañando o Príncipe das Bateas estarían o tamén celeste Santi Mina -12 goles na pasada Liga-, Borja Iglesias (11), e  Joselu (11), con Lúcas Pérez como comodín, secundados desde a liña de tres cuartos polo talento de Brais Méndez, Denis Suárez ou Jota Peleteiro e o sacrificio de David Ferreiro, Pedro Mosquera ou de Santi Comesaña, peza chave do recentemente ascendido Raio Vallecano.

Máis atrás, Angeliño, un dos mellores carrileiros do continente, comandaría unha liña na que na outra banda competirían Hugo Mallo e o reconvertido Lúcas Vázquez, apoiados desde a portería, ante a lesión de Rubén Blanco, polo veteranísimo Diego López. 

Comentarios