martes 21.01.2020

Regreso con vitoria: Galiza gaña 6-1 a Catalunya no retorno da selección feminina de futsal

Cecilia, xogadora do Poio Pescamar, marcou catro dos seis goles galegos.

Imaxe: Futgal
Imaxe: Futgal

Após anos de ausencia volveu a selección absoluta de futsal feminino a xogar un partido. Foi en Santa Isabel, Santiago de Compostela, fronte a Catalunya. Galiza non deu oportunidade e impúxose por un contundente 6 a 1, con catro goles de Cecilia, a xogadora do Poio Pescamar. Nas bancadas, perto de mil persoas, segundo a organización, que non pararon de animar á irmandiña feminina de futsal. Entre a afección, a ‘batucada feminista’, poñendo música e reivindicación ao encontro.

Após a interpretación dos himnos galegos e catalán, comezou o partido. Apenas se levaban 10 minutos e Galiza xa vencía por dous a u, ambos os dous tantos galegos co selo de Cecilia e o catalán de Villa. Con este resultado se chegou ao descanso. Na segunda parte Galiza seguiu a apostar no xogo ofensivo. Dominaba o encontro e Catalunya atopaba fronte á súa competitividade a fortaleza defensiva das irmandiñas.

Finalmente, 6-2 para a selección galega, unha vitoria clara e contundente para rubricar o mellor retorno posíbel.

Ficha

Galiza: Silvia Aguete, Beatriz Seijas, Iria Saeta, Marta, Cecilia –cinco inicial- Lara, Charo, Sonia Pacios, Andrea, Lucía, Yenni e Ana.

Cataluña: Noe, Burgui, Carri, Berta, Estefa -cinco inicial- Bet, Roig, Riera, Cris, Celia, Villa e Utri.

Goles: 1-0 Cecilia (3’); 2-0 Cecilia (9’); 2-1 Villa (8’); 3-1 Marta (22’); 4-1 Cecilia (31’); 5-1 Cecilia (34’); 5-2 Marta (37’); 6-2 Villa, en propia porta (39`).

Árbitros: Raquel Manteiga Rodríguez e Álvaro Cid Bragado, con Carreira Romero de terceiro árbitro e Patricia Doval na mesa.

Pavillón: Santa Isabel, en Compostela Algo máis de mil espectadores.

comentarios