A rebelión dos poderosos: de que vai a ‘Superliga Europea’ de Fútbol

Florentino Pérez é o presidente da nova competición, que xa ten confirmadas 12 equipas.

barça madrid
photo_camera (Foto: Europa Press)

Se xa pasa a nivel social e económico, por que non ía pasar no fútbol? Os ricos cos ricos e os pobres cos pobres, cunha fenda en medio que cada vez se alarga máis e é menos fenda e máis muro infranqueábel.

Golpe na mesa dos clubs máis poderosos de Europa. Doce equipas participan no proxecto da ‘Superliga’ europea de fútbol. Real Madrid, Barça, Atlético de Madrid, Liverpool, Manchester City, Manchester United, Chelsea, Tottenham, Arsenal, Milán, Inter de Milán e a Juventus.

Florentino Pérez, todopodersos mandatario do Real Madrid, é o presidente desta competición. Os 12 clubs fundadores recibirían un pagamento de 3.500 millóns de euros por "plans de investimento en infraestruturas e compensar o impacto da pandemia Covid-19".

O presidente do Real Madrid di que "o fútbol é o único deporte mundial no mundo con máis de 4.000 millóns de afeccionados e a nosa responsabilidade como grandes clubs é responder aos desexos dos afeccionados".

A competición prevé contar con 20 equipos: aos doce mencionados sumaríanse tres convidados e cinco que gañarán o posto cos seus resultados durante a tempada. Iso si, os clubs fundadores permanecerían sempre na Superliga, independentemente dos seus resultados, nunca sairían dela. Un seguro a todo risco contra posíbeis ‘malas rachas’.

Formaríanse dous grupos de 10 equipos que se enfrontarían entre si dúas veces. Os tres primeiros clasificados pasarían a cuartos de final, mentres que o cuarto e o quinto xogarían unha repesca. As eliminatorias serían a dobre partido, cun final de partido único, como a Champions.

O anuncio xa desatou un enfrontamento de superclubs e UEFA. Ademais, as federacións e ligas inglesas, españolas e italianas amosaron o seu rexeitamento e ameazaron aos clubs con deixalos fóra das súas competicións. O propio Goberno francés e o primeiro ministro británico xa mostraron o seu rexeitamento a esta ’Superliga’, igual que a Comisión europea.

Equipas que cotizan en bolsa como Liverpool ou Juventus xa viron como nos parqués se aprobaba a súa aposta pola Superliga. Na Bolsa de Milán os títulos da Juventus de  Turín revalorizábanse máis dun 7%  nos primeiros minutos de negociación, á espera de coñecer a evolución das accións do Manchester  United, que cotizan na Bolsa de Nova York. En canto a clubs que poderían estar entre os invitados a este selecto grupo, os títulos do Ajax de  Amsterdam subían un 1,9% na apertura, mentres que os do Borussia Dortmund revalorizábanse un 2,8%.

Comentarios