O problema non é caer goleado no Bernabéu

Ir ao Bernábeu e apañar 7 goles entra dentro do verosími, mesmo que sexa en época de vacas fracas en Chamartín. Se temos algunha dúbida comparecemos orzamentos. O problema é a extrema fraxilidade da equipa deportivista.

depor
photo_camera Os futebolistas do Dépor no Bernabéu

O Real Madrid mellorou pasadas prestacións, sobre todo porque no aspecto físico por vez primeira na liga non se desfondou nos segundos 45 minutos. Bastou iso para lle endosar 7 goles a un Deportivo que mostrou por que está aí abaixo. Podes encaixar 7 goles no Bernabéu e oferecer algo máis de resistencia. Ir con outra intención á disputa da bola. Deixar algo máis de suor sobre o céspede. Non conxurarse para converter un defensa central -Nacho- en bigoleador. Facer algunha falta que outra. En resumo: competir.

E iso que a equipa viveu un lixeiro espellismo, o gol de Adrián, após unha certeira asistencia dun Lucas Pérez que, desta volta, si estivo a algo máis de 75 por cento da súa mellor versión (aínda que apenas puxo en apuros a Keylor Navas). Cristóbal Parralo apostou por unha equipa algo Frankestein, por unha banda un triunvirato de medio centros -Mosquera, Guilherme, Borges- e, por outra, coa dupla de ataque Andone-Lucas, con Adrián a completar o tridente. Había aí certa indefinición: a que xogamos? a defender ou a atacar? Á vista está que non funcionou. Custa entender como é posíbe que con tanta armazón na medular Modric vivise este domingo un dos seus partidos máis cómodos, sen apenas ser importunado, a funcionar como o autèntico eixo da equipa merengue.

Co 2-1 -unha obra de arte de Bale- o Deportivo demitiu do choque e iso que aínda corría o minuto 42. A segunda parte foi un festín dos brancos. O problema non é caer goleado no Bernabéu. Pode acontecer mesmo se disputas o partido. O problema é que a equipa coruñesa se esqueceu de disputalo.

PD: na zaga debutou o central do Fabril One. E desde logo non foi do pior da equipa. Cero medo escénico.

Real Madrid CF: Keylor Navas, Carvajal, Varane, Nacho, Marcelo, Kroos, Casemiro, Modrić (Kovačić, min. 76), Bale (Lucas Vázquez, min. 82), Borja Mayoral (Benzema, min. 64) e Cristiano Ronaldo.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Schär, One, Luisinho, Guilherme, Pedro Mosquera (Edu Expósito, min. 49), Borges (Emre Çolak, min. 54), Lucas, Andone (Carles Gil, min. 79) e Adrián.

Goles: 0-1 Adrián (min. 23); 1-1 Nacho (min. 32); 2-1 Bale (min. 42); 3-1 Bale (min. 58); 4-1 Modrić (min. 68); 5-1 Cristiano Ronaldo (min. 78); 6-1 Cristiano Ronaldo (min. 84); 7-1 Nacho (min. 88).

Árbitro: Fernández Borbalán (c. andaluz). Cartón amarelo a Andone (min. 38) e Lucas (min. 56).

Incidencias: partido da 20 xornada daLiga disputado no Estadio Santiago Bernabéu ante 63.504 espectadores.

Comentarios