Fútbol

PREVIA | Escalar postos, común obxectivo de Rácing, Celta B, Lugo, Dépor e Arenteiro

Descubre aquí os detalles dos partidos que afrontan esta fin de semana os conxuntos galegos da Segunda División e a Primeira Federación. 
A intensidade será un factor determinante para decidir quen leva o gato á auga no encontro de mañá entre os dous 'Rácing' da Liga.  (Foto: LFP).
photo_camera A intensidade será un factor determinante para decidir quen leva o gato á auga no encontro de mañá entre os dous 'Rácing' da Liga. (Foto: LFP).

"Non hai que preocuparse polos resultados nin comezar a dubidar. Ao final somos un equipo que acaba de ascender e a situación que temos na táboa penso que está moi ben". Son palabras de Jon García, o xogador de campo que máis minutos disputou no que vai de tempada coa camiseta do Rácing de Ferrol, e con elas quere acabar coas dúbidas creadas logo dos recentes tropezos arredor dun conxunto que asinou un comezo de campionato extraordinario, pero que foi perdendo forza progresivamente nas últimas semanas.

Porque desde o triunfo pola mínima (1-0) sobre o Amorebieta o pasado 5 de outubro a escuadra departamental non sabe o que é a vitoria, unha negativa xeira que se prolonga até o 12 de agosto, primeira data ligeuira, no referente aos triunfos fóra da Malata.

A de mañá (O Sardiñeiro, 21 horas) suporá unha nova oportunidade para disipar eses nubeiros que comezan a escurecer un ceo que levaba eternamente despexado para os Diaños Verdes desde que, a principios deste ano, comezaron a percorrer a triunfal senda que os levou a regresar á Segunda División 15 anos despois.

Enfronte terán o outro Rácing da categoría, o de Santander, un club histórico que, precisamente, sustenta a súa forza nas súas actuacións como local, onde sumou 16 dos 21 puntos que leva até o de agora e que fan do verdibranco o máis forte do torneo ante o seu público.

O Celta B pon a proba a súa 'Fortuna' en Sestao

Xa na Primeira Federación, o Celta B, rebautizado esta tempada como Celta Fortuna, porá a proba o seu bo momento de forma, como acredita o feito de facerse con 13 dos últimos 15 puntos en xogo, contra un clásico da Segunda B, o Sabadell (Barreiro, hoxe, 16 horas).

Sobre o papel, os rapaces de Claudio Giráldez reciben os cataláns como favoritos para continuar a súa escalada ao liderado, pois os de Gerard Bofill están sendo a gran decepción da competición e actualmente son cuartos pola cola a pesar de ser un bloque confeccionado para aspirar a cotas maiores.

Con respecto ao segundo galego na clasificación, o Club Deportivo Lugo, a entidade albivermella ten ante si unha oportunidade de ouro para engancharse aos postos de play-off, pois encara esta décima xornada no sétimo posto, a tan só un punto do cuarto, un Real Unión de Irún que visitará o Ángel Carro ás 12 horas da tarde de mañá.

Non obstante, o preparador lucense, Pedro Munitis, quixo arrefriar o eufórico ambiente que comeza a crearse arredor dos seus homes indicando que o Irún é "un grupo compacto, que actúa e pensa rápido, ofensivamente moi versátil e cun gran balón parado", polo que para gañar o seu cuarto partido consecutivo a escuadra da Cidade da Muralla deberá "saír con fame" e "co coitelo entre os dentes".

Matar ou morrer; sen abandonar esa épica coa que tanto os protagonistas como os que narramos as súas proezas dotamos ao fútbol, iso é o que necesita facer o Deportivo se aspira a dar continuidade ao sufrido triunfo da pasada semana, que o afastou -polo menos temporalmente- da zona de descenso.

A batalla promete ser máis dura que Stalingrado, pois o inimigo é o Nàstic de Tarragona (Riazor, hoxe, 19 horas), sólido líder da Primeira Federación que, como dixo o técnico branquiazul, Imanol Idiakez, demandará do Dépor "facerse moi forte".

Non menos alarde de resiliencia deberá facer o Arenteiro, reinstalado na parte baixa da clasificación após perder ante a Cultural Leonesa, nun duelo de hoxe (Espiñedo, 16 horas) cun conxunto de media táboa como é o Unionistas de Salamanca que, dada a relativa proximidade entre ambas as localidades, contará con moito apoio nas bancadas.

Comentarios