Presenza galega asegurada no mundial de Socorrismo

A Copa do Mundo de Salvamento e Socorrismo terá participación galega. A selección galega desta disciplina visitou  a Secretaría Xeral para o Deporte.
A Irmandiña de Salvamento e Socorrismo (Foto: FSSG).
photo_camera A Irmandiña de Salvamento e Socorrismo. (Foto: FSSG)

A poucos días de que teña lugar na localidade italiana de Riccioni a Copa do Mundo de Salvamento e Socorrismo, prevista entre do 27 de setembro ao 2 de outubro, a participación galega neste evento está asegurada.

Formarán parte da representación estatal Antía García, bicampioa de Europa e campioa do Mundo que xa conta cun récord mundial na proba de 100 metros remolque de maniquí con aletas e que tamén forma parte da selección galega xunto tamén a Eva Feijoo, Gabriel Rodríguez e Alejandro Chacón, xunto ao técnico betanceiro David Orgeira

A propia selección galega vén de conseguir un total de 38 medallas no recente Campionato de España en categoría absoluta e cadete que tivo lugar entre o 2 e o 4 de setembro en dúas localizacións da Galiza: na Praia coruñesa do Orzán e na Piscina Municipal de Carballo.

Foron dez metais de ouro, sete de prata e sete de bronce na categoría absoluta e outras cinco de medallas de ouro, cinco de prata e catro de bronce na categoría cadete o que lle valeu para facerse cun merecido segundo posto na clasificación xeral desta competición, conseguindo o subcampionato estatal de Salvamento e Socorrismo. 

Visita á Secretaría Xeral para o Deporte

En recoñecemento destes éxitos, membros da selección galega visitaron a Secretaría Xeral para o Deporte en compañía da presidenta da Federación de Socorrismo e Salvamento da Galiza, Nuria Rodríguez

Na recepción, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou o “excepcional papel” da delegación galega que competiu no nacional formada por seis xogadores absolutos masculinos, seis absolutas femininas, seis cadetes masculinos, seis cadetes femininas, catro técnicos e dous seleccionadores.

Lete Lasa reivindicou un deporte como o “salvamento e socorrismo” que a pesar de ter unha federación nova, creada en 1997, é un “deporte náutico máis no que a Galiza tamén é potencia da mesma maneira que o piragüismo, o remo, o tríatlon ou a vela”.

De feito, o responsábel galego da carteira de Deporte subliñou que desde o ano 2004, os clubs galegos desta disciplina aumentaron en máis do dobre, pasando de 6 a 14; e que as licenzas se quintuplicaron, ao pasar de 250 a máis de 1.100.

Comentarios