Núria Rodríguez: "A lexislación sobre a presenza de socorristas nas praias está a monte"

A presidenta da federación de Salvamento e Socorrismo, Núria Rodríguez Suárez.(Nós Diario).
photo_camera A presidenta da federación de Salvamento e Socorrismo, Núria Rodríguez Suárez.(Nós Diario).

Minoritaria e minorizada. A Federación Galega de Salvamento e Socorrismo é a gran descoñecida malia a súa importancia e premios. É a única federación na Galiza presidida por unha muller, unha situación que non debería tardar en mudar. Con ela falamos deste deporte, da profesión e de igualdade. 

Salvamento e Socorrismo é un deporte e ao mesmo tempo unha profesión. Cal é a razón de que sexa menos coñecido como deporte?

Por ser un deporte moi minoritario, con doce clubs e con pouca visibilidade a nivel xeral. Coñécese máis a natación que o salvamento.

Como se chega a practicar este deporte?

As vías principais, ademais de coñecelo a través das redes sociais, son cando unha persoa se achega a unha piscina e observa que salvamento ten máis material, parece máis divertido e non é tan exixente como a natación. É a maneira máis habitual de achegarse ao salvamento deportivo. Outra forma é a través do curso de socorrista e ver as competicións nas praias. Ao final toman a decisión de meterse nalgún club e practicalo.

A nivel profesional está ben tratado e valorado?

Nas piscinas non hai ningún tipo de problema. Ou ben son dos concellos ou de empresas privadas, polo que teñen un convenio laboral que seguir. O problema está nas praias. Nelas atopamos con distintos niveis económicos. Hai municipios galegos que pagan salarios de 1.000 euros e outros de 1.900 euros. Pensa que as e os socorristas teñen que buscar en tres meses a maior rendibilidade posíbel e o maior número de días cotizados. Logo vemos como hai sitios que fan máis horas e os dereitos son diferentes, como o caso de ter que xantar na propia praia ou noutros que indican que se chove non traballan. Se é unha licitación privada teñen que acollerse ao convenio de instalacións deportivas da Galiza e debían seguilo, aínda que vemos que moitas non o fan.

Daquela, non hai unha normativa xeral?

Hai tantas formas de xestionar as praias que, por exemplo, na Coruña hai unha licitación e a empresa que a gaña ten que levar o convenio de instalacións. Nos concellos pequenos hai unha subvención por parte da Xunta da Galiza para contratar o persoal socorrista e algúns incrementan o salario con recursos propios. Hai que incentivar esta profesión que vai á baixa por esta situación. A lexislación  sobre a presenza de socorristas nas praias está a monte. Non se di se é obrigatorio, nin cantos ten que haber. Non hai lexislación. O único interese, nalgún caso, é por ter a bandeira azul que lles sinala que teñen que contratalos.

É consciente de que agora mesmo é a única muller presidenta dunha federación deportiva galega? Cal é a razón?

Eu creo que ser presidenta dunha federación exixe moito. Penso que a razón máis importante é por conciliación familiar. Eu teño a sorte de poder facelo. De manter e dedicarlle tempo ao traballo e á familia. Aínda que non se crea non cobramos por estar na presidencia dunha federación. As mulleres temos esa conciliación familiar máis difícil, sobre todo se hai competicións en fin de semana. Agardo que sexa esa a razón.

Debería facilitarse que houbese máis mulleres nestes cargos?

Debería de facilitarse. Axudar a que as mulleres esteamos en postos de responsabilidade. Até hai pouco eramos dúas e hai que lamentar a perda da presidenta da Federación Galega de Taekwondo. Teño falado moito con ela deste tema e tamén me comentaba das dificultades que tiña de conciliar coa familia e co traballo.   

De que logros se sente máis satisfeita desde que chegou á federación?

A miña maior satisfacción é de termos unha campioa do mundo, Antía García, que desde Caldas de Reis conseguiu un record mundial. Galega e formada aquí. A primeira medalla que se conseguiu a nivel internacional foi importante, mais cando tes unha deportista que gaña cinco medallas e consegue o record mundial... Debería ter máis recoñecemento por parte das Administracións e dos patrocinios. É certo que o seu concello lle puxo o seu nome á piscina, mais a nivel galego debería recoñecerse máis.  

Como afectou a pandemia a este deporte?

Tivemos que fechar todo. Temos dous apartados, un de praia e outro de piscina, e chegaba o primeiro que non se puido facer. Tampouco houbo cursos nin obradoiros. Logo, coa nova normalidade, atopamos con tantos decretos e normas que xa non sabíamos cal era o noso. O protocolo a nivel estatal non existía nin sabiamos até cando podían ir aos campionatos estatais. Tampouco podían adestrar nin ir ás piscinas. Agora mesmo aprobamos un novo protocolo.

Comentarios