Seis prazas por decidir en tres días para a Copa da Raíña de balonmán

Guardés e Porriño xogan esta cuarta feira a ida da segunda rolda de clasificación para a fase final.
jose_ignacio_prades_guardes
photo_camera O técnico do Atlético Guardés, José Ignacio Prades, durante un partido da Liga Guerreiras (Foto: Atlético Guardés)

Son 12 equipos os que a partir desta cuarta feira buscarán unha das seis prazas que restan para a fase final de Copa da Raíña, na que xa están clasificados o Elche e o Bera Bera. A segunda e derradeira rolda de clasificación para a fase final do trofeo bota andar esta tarde coa disputa dos partidos de ida, xa coa participación de seis equipos da Liga Guerreiras, ademais dos clasificados da primeira rolda tanto da máxima categoría como da División de Honra Prata.

Entran en xogo, xa que logo, os dous representantes galegos: o BM Porriño e o Atlético Guardés, que se enfrontarán ao Aula Cultural e ao BM Bolaños, respectivamente. 

Porriño-Aula

A partir das 21 horas, o Balonmán Porriño e o Aula Cultural enfrontaranse no pavillón municipal porriñés. Non é a primeira vez que ambos os conxuntos se cruzan nesta fase, a última o ano pasado, de malas lembranzas para as xogadoras do club galego. Daquela, o Porriño vencera 31-28 na ida, mais o 29-25 da volta en Valladolid deu o pase ao Aula, que chegou até a final co Elche, onde caeu 32-26.

O conxunto vallisoletano, que estivo exento de disputar a primeira fase de clasificación nesta Copa, ocupa na actualidade a quinta posición na Liga Guerreiras con 16 puntos. O BM Porriño é noveno con 10 puntos. 

O adestrador do equipo galego, Ismael Martínez, lembrou que no enfrontamento ligueiro co Aula estiveron "moi lonxe de poder facerlles dano". Neste sentido, destacou a necesidade de aproveitar o partido da ida. "Temos que ir ao cento por cento, é un partido que nos vai a exixir unha concentración máxima", afirmou o técnico.

Martínez salientou o potencial das súas primeiras liñas con Elena Cuadrado ou Lorena Téllez, "xogadoras moi fortes cun lanzamento á saída da finta moi difícil de defender". Tamén considerou chave parar o xogo de transición do Aula e obrigalo a xogar posicional.

Bolaños-Guardés

Media hora antes está previsto que comece a disputa do encontro entre o BM Bolaños e o Atlético Guardés no pavillón da localidade manchega de Bolaños de Calatrava.

O rival do equipo miñoto é, a priori, máis accesíbel que o do porriñés. O Bolaños milita na División de Prata, onde ocupa actualmente a segunda posición do grupo D e leva anos pelexando polo ascenso. Non obstante, foi quen de eliminar o BM Zonzamas da Liga Guerreiras na primeira rolda.

O técnico do Guardés, José Ignacio Prades, conta para este partido con 15 xogadoras. Fanny Descalzo ficou na casa por incompatibilidade laboral; e  subiu ao bus Carla Gómez, que non puido xogar en Málaga por un problema de costas do que mellorou sensibelmente.

"Bolaños ten un grande equilibrio, é moi perigoso e xoga moi ben a balonmán", salientou Prades, que puxo o foco na hispano-cubana Odalys Escalona, "a máis experta e moi perigosa". A zurda de 38 anos ─analizou o técnico─ "defende, ataca, está nunha forma física excelente e é a líder do grupo". 

A respecto do Guardés, o obxectivo é "superar os obstáculos", en referencia á derrota ligueira do sábado pasado e ir preparadas para un pavillón que estará ateigado e entregado.

En só tres días ficará todo resolto, nos partido da volta tanto para Guardés como para Porriño, coa meta de meterse na fase final da Copa, en Donostia do 29 de abril ao 1 de maio.

Comentarios