Balonmán

O Porriño e Guardés buscan achegarse á cabeza da táboa

Interesantes partidos fóra da casa para os equipos galegos na máxima categoría do balonmán feminino estatal.
O Atlético Guardes quere obter a súa primeira vitoria a domicilio. (Foto: Atlético Guardés).
photo_camera O Atlético Guardes quere obter a súa primeira vitoria a domicilio. (Foto: Atlético Guardés).

A emoción do balonmán de elite volve esta fin de semana despois da parada imposta polos compromisos internacionais das seleccións, mais nesta ocasión a meirande parte da afección galega terá que conformarse con seguilo a través da televisión ou da rede, pois tanto Mecalia Atlético Guardés como Conservas Orbe Rubensa O Porriño disputan os seus partidos fóra da casa.

O conxunto arraiano -sexto clasificado con seis puntos, a dous do quinto, precisamente O Porriño- volve á carga ante o alacantino Elda Prestixio, a quen se medirá no Pavillón Municipal Florentina Ibañez ás 17 horas de hoxe, nun choque que abrirá a sétima xornada do torneo e que poderá seguirse a través de Teledeporte.

A meta do Guardés é obter, dunha vez por todas, a súa primeira vitoria a domicilio, pois se ben na Sangriña continúa invicto, lonxe do seu fortín non foi quen de sumar un só punto, e o Elda parece a vítima ideal para conseguilo, xa que ocupa postos de descenso cun só triunfo.

Cristina Cabeza, a adestradora da escuadra galega, contará con 13 xogadoras para buscar ese obxectivo. Entre elas non estará a extremo Nerea Solares, "baixa por tempo indefinido esta tempada por motivos de saúde", explicou o club sen querer especificar as cuestións de fondo. Asimesmo, Julia Nuez continúa recuperándose da súa lesión no ligamento cruzado do seu xeonllo e estará fóra, polo menos, até principios de 2024.

O líder, duro obstáculo

Pola súa parte, O Porriño porá a proba a fortaleza do líder da categoría, Aula de Valladolid (Pavillón Horta do Rei, hoxe, 17 horas), sabendo que de lograr a vitoria precipitaríase até a cabeza da táboa, xa que empataría a puntos coa formación pucelana.

Tras unha semana na que até catro xogadoras do Conservas Orbe Rubensa foron convocadas polas súas seleccións, o equipo porriñés está nunha situación "complexa", en palabras do seu preparador, Ismael Martínez, pois as internacionais Casasola, Bono, Rosalez e Buforn chegaron con sobrecargas, que se suman ás baixas por lesión de Thais Fermo, Santomé e Samartín. Por iso, Martínez admite que a idea é ir a Valladolid "a puntuar" ante un bloque "que xoga moi ben, de forma moi recoñecíbel, tendo moi claro o que ten que facer e que na casa é aínda máis forte".

Comentarios