Balonmán

Estrea da Liga Guerreiras co Porriño e o Atlético Guardés

Ambos os conxuntos debutarán fóra da casa.
O Guardés chega a Nafarroa con 8 caras novas, e mais a técnica.
photo_camera O Guardés chega a Nafarroa con 8 caras novas, e mais a técnica.

Regresa a máxima categoría do balonmán feminino estatal, e unha vez máis a Galiza estará representada grazas a Conservas Orbe Rubensa O Porriño e Mecalia Atlético Guardés. O conxunto porriñés conta con catro novas incorporacións: Ana Palomino, Maddi Bengoetxea, Aroa Fernández e Inma García-Navas, coas que busca manter ou mellorar os resultados da pasada campaña, cando logrou clasificarse para os play-off polo título, perdendo nos cuartos de final contra o Elxe.

Tras máis dun mes de preparación -retornou ao traballo o 20 de xullo- e de participar en 10 amigábeis -dos cales gañou oito, empatou un e perdeu outro-, o Balonmán O Porriño encara un comezo de competición contra un rival de altura, Rocasa Gran Canaria, semifinalista da pasada Liga Guerreiras e, curiosamente, verdugo nos cuartos do outro equipo galego, o Atlético Guardés.

O encontro terá lugar no Pavillón Insular Antonio Moreno ás 17 horas deste sábado, onde non estarán presentes varias das pupilas de Ismael Martínez por molestias de última hora, casos de Maider Barros, Casasola, Santomé e Palomino, que se unen ás baixas de longa duración de Maddi e Carme.

Con todo, o preparador considera que o seu equipo vai "loitar e pelexar", e pensa que o obxectivo para a campaña 2023/24 que está a piques de comezar non pode ser outro que "mellorar a clasificación respecto á tempada anterior e, ademais, obter un boleto para participar na Copa da Raíña".

Primeiro partido oficial de Cristina Cabeza

E se O Porriño terá que pór rumbo ás Illas Afortunadas, o Atlético Guardés tamén se ve obrigado a coller o macuto, xa que a súa estrea será en territorio navarro, concretamente no Polideportivo Municipal Irmáns Induráin de Villava contra o Replasa Beti-Onak ás 18 horas deste sábado.

O choque suporá a estrea de Cristina Cabeza á fronte da escuadra do sur da Galiza, así como de oito das nove caras novas no cadro de xogadoras, sendo a única ausencia a da brasileira Andreza Almeida, que aínda non chegou á Galiza. Ademais, tampouco estará na vila que viu nacer o cinco veces campión do Tour de Francia a catalá Júlia Nuez, que continúa recuperándose dunha rotura de cruzado que a manterá KO até  decembro.

Comentarios