Tere Abelleira xa ten rival, e non podería ser outro mellor. O fútbol, cruel por natureza, non adoita conceder segundas oportunidades, pero a deusa Fortuna quixo outorgarlle á centrocampista galega a oportunidade de desquitarse da eliminación sufrida a mans de Inglaterra nos cuartos da pasada Eurocopa de 2022 nin máis nin menos que na final do Mundial, logo da clasificacións das Lionesses.
As británicas lograron imporse á anfitrioa, Australia, na segunda semifinal do torneo por un resultado de 1-3, nun choque pouco atractivo a pesar dos goles materializados por Ella Toone, Lauren Hemp e Alessia Russo, que fixeron inútil o materializado pola lendaria Sam Kerr para as Matildas.
O respecto mutuo e a igualdade foron as chaves que condicionaron a primeira metade e o comezo da segunda, con tímidas alternativas para un e outro conxunto que só obtiveron premio no '36 co tanto da inglesa Toone e no '62 co da local Kerr.
Catárquico, foi a partir dese intre cando as campioas de Europa recuperaron unha garra que non exhibiran ao longo do torneo, e logo dun primeiro intento protagonizado por Bronze e un segundo de Russo, Hemp aproveitou un erro de Carpenter para enviar a pelota ao fondo da rede, silenciando un Estadio Olímpico de Sydney que perdeu toda esperanza de remontar cando Alessia Russo, beneficiada polos espazos deixados por unhas australianas obrigadas a buscar o empate desesperadamente, definiu brillantemente co interior da perna dereita, mandando unha mensaxe a Tere Abelleira e as súas compañeiras, ás que retarán o próximo domingo ás 12, hora galega.
Pantallas xigantes en varios concellos da Galiza
O fito de contar cunha futbolista do país no evento deportivo máis importante do mundo -con permiso dos Xogos Olímpicos- levou a varios concellos a confirmar que contarán con pantallas xigantes na rúa para poder seguir o partido. Polo de agora, foron a súa Pontevedra natal, a veciña Poio, Sanxenxo e A Coruña.
No caso da cidade herculina, o consistorio precisou que se empregarán as pantallas laterais do escenario das festas de María Pita, con acceso gratuíto á praza.
Outros municipios como o da Boa Vila confirmaron que haberá pantalla para ver o partido. Na súa conta de Twitter, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores explicou que, por cuestións técnicas e loxísticas, será na praza da Ferraría. Tamén mostrou o seu "orgullo" por contar con "unha pontevedresa e unha galega na final", en referencia a Teresa Abelleira.
Tamén Sanxenxo instalará unha pantalla xigante, neste caso na praza Fonte de Ramos. No recinto colocaranse 150 cadeiras para poder seguir o partido, mentres que haberá outra na praza da Chousa, en Combarro. Será, indican desde o consistorio de Poio, para celebrar que Teresa Abelleira "está a facer historia no fútbol e no deporte".