Polémica con Ana Peleteiro fóra das pistas

A atleta foi cuestionada a respecto da participación das mulleres trans no deporte profesional

Ana Peleteiro nos Mundiais de Atletismo de Londres 2017. 
(Foto: Arquivo)
photo_camera Ana Peleteiro nos Mundiais de Atletismo de Londres 2017. (Foto: Arquivo)

A atleta galega Ana Peleteiro vén de emitir un comunicado no que denuncia recibir “enorme acoso polas redes” nos últimos días. Segundo Peleteiro, unha cantidade “innumerábel” de persoas insúltana, deséxanlle a morte e o mal á súa familia e recibe, incluso, “mensaxes de odio pedíndolle a Deus que oxalá parta unha perna ou calquera lesión grave que a afaste das pistas”.

Estas mensaxes chegan, segundo relata a propia deportista, despois de que Peleteiro protagonizara unha entrevista para un medio de comunicación, na que foi cuestionada sobre “algo que está agora moi de actualidade”: as mulleres trans no deporte e a decisión de non permitir a súa participación na categoría feminina. “Por primeira vez din a miña opinión”, afirma no comunicado publicado nas súas redes sociais.

Na entrevista concedida a Smoda, a atleta de Ribeira manifestou: "Teño amigos trans, penso no que sofren para mostrarse como se senten, e teñen o meu apoio, pero o tema da competición deportiva é delicado. Se maduraches como home, aínda que baixes os teus niveis de testosterona, a túa densidade ósea e desenvolvemento muscular é diferente ao doutras mulleres. En atletismo a muller que máis salta son 15 metros e pico e o home, 18 metros e pico. Débense abrir as portas ás persoas trans, pero no deporte non profesional".

Adoro e respecto ao 100% o colectivo LGBTI, teño amigos e incluso familiares que pertencen a el. Defenderei sempre e loitarei cada día polos seus dereitos ao igual que o fago polos dereitos das mulleres cis”, explica Peleteiro.

“Polo tanto”, continúa, “no caso do deporte por suposto que teño que defender os dereitos das mulleres cis. Iso non significa que odie as mulleres trans ou que non queira que dalgunha forma se regule a súa situación, pero por suposto que nunca estarei a favor de que para que iso ocorra, as mulleres teñamos que competir contra persoas que xeneticamente son superiores a nós...”.

Para Peleteiro, ese é o posicionamento que defende a Federación de Atletismo que “despois de anos de estudos conclúen, que por moito que un home baixe os niveis de testosterona xamais será igual que unha muller”.

"É inxusto"

Ana Peleteiro propón unha solución a esta cuestión. “Sempre o dixen, ou adaptar unha categoría para que compitamos en igualdade de condicións todos ou participar en deporte non federado xa que é inxusto, mires por onde o mires”, afirma. “A día de hoxe, sen existir unha categoría trans, o deporte profesional non é viábel”, sentencia a deportista.

Comentarios