O piragüismo galego rétase en Pontevedra o 1 de maio

Dúas probas ao mesmo tempo na Boa Vila
As embarcacións do C1 -na imaxe- e de K1 serán as protagonistas. (Foto: Fegapi).
photo_camera As embarcacións do C1 -na imaxe- e de K1 serán as protagonistas. (Foto: Fegapi).

O piragüismo volverá ser protagonista da axenda deportiva pontevedresa o vindeiro mes de maio, pois até dúas citas diferentes terán como escenario as augas do Lérez. 

Por un lado, as do encoro de Verducido vibrarán o vindeiro Día dos Traballadores e Traballadoras, 1 de maio, coa I Regata Pista Eurorrexión Galiza-Norte Portugal, un evento organizado pola Federación Galega de Piragüismo (Fegapi) en colaboración coa Concellería de Deportes da Boa Vila.

A proba desenvolverase en distancias de esprinte -500 metros (feminino) e 1.000 metros (masculino)- para as disciplinas de K1 e C1 nas categorías de idade cadete, xuvenil e sénior, que congregarán no Complexo Deportivo David Cal 20 equipos diferentes desde as 10 horas da mañá.  

O segundo destes certames é a I Regata Liga Provincial de Pontevedra Depoescolas 2023, que reunirá en Ponte Sampaio, tamén a partir das 10 horas do Día do Traballo, máis de 300 participantes das categorías de base -pre benxamín, benxamín e alevín- tanto masculinos como femininos pertencentes a 22 clubs de diferentes puntos do territorio galego, entre os que se atopan os locais Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, Club Piragüismo Verducido, Club Naval de Pontevedra e Club Río Verdugo.

Surf na praia de Patos

Sen saír do eido dos deportes náuticos, pero cambiando de disciplina, un dos areais máis recoñecidos no referente á practica do surf polas súas ondas rápidas e os seus picos múltiples, a praia de Patos (Nigrán), recibe mañá a primeira proba da Liga Interescolas. 

Distribuídas nas categorías Sub-12 e Sub-16, as nenas e nenos que se animen a participar terán a posibilidade de realizar un achegamento de carácter lúdico a un dos deportes máis en auxe dos últimos anos.

Oportunidade para ver en vivo os 'sportboat'

De forma paralela, e en Baiona, a menos de dez quilómetros de Nigrán, todas as persoas que se acheguen até a zona terán a oportunidade de ver ao vivo o Estatal dunhas peculiares e espectaculares embarcacións a vela, os sportboat, que destacan pola súa lixeireza e, polo tanto, pola velocidade que son quen de alcanzar.

Comentarios