Fútbol sala

O Parrulo, obrigado a gañar para continuar loitando polo ascenso

Afronta hoxe o segundo partido da eliminatoria ante o Alzira.
A escuadra ferrolá busca a primeira vitoria a domicilio da tempada. (Foto: O Parrulo).
photo_camera Nas botas de Adrián Martínez, 'Adri', que marcou 25 tantos na fase regular, descansan boa parte das esperanzas de ascenso do Parrulo. (Foto: LNFS).

O Alzira ten todo a favor para certificar o seu pase á final do play-off de ascenso á Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS) logo de que os de Braulio Corral asaltaran a Malata e derrotaran O Parrulo Ferrol por cinco goles a oito no primeiro choque da eliminatoria.

As contas para os valencianos son simples: se gañan, fecharán o pase e loitarán por subir á máxima categoría do fútbol sala masculino estatal por primeira vez na súa historia.

Isto significa que O Parrulo terá que bogar contra a corrente para vencer na casa dos levantinos (hoxe, 18 horas) e forzar un terceiro partido que se disputaría de novo en Ferrol.

Para logralo deben recuperar as sensacións coas que remataron a fase regular, na que se fixeron merecedores do alcume de "equipo máis en forma da Segunda", pois sumaron 11 partidos sen coñecer a derrota e pasaron por enriba do Alzira nos seus dous enfrontamentos directos.

Pero á hora da verdade cambiou o conto e agora están nunha situación límite sobre a que o seu adestrador, Juanma Marrube, declarou que encaran "coa mentalidade" de saber que están "ante unha final na que a concentración será vital".

Pelexa entre Burela e Poio co segundo posto en xogo

Cambiando o fútbol sala masculino polo feminino, Poio Pescamar e Pescados Rubén Burela baixan hoxe (18.30 horas) o pano da Primeira Federación cun derbi galego no que estará en xogo a segunda praza, xa que ambas as escuadras están empatadas a 72 puntos na táboa.

Son os únicos dos conxuntos galegos que se xogan algo na derradeira xornada da liga regular, polo que os partidos de Ourense Envialia (ante o Alcorcón, 19.30 horas), Marín Futsal (contra Maxadahonda,  18 horas) e Viaxes Amarelle (co Móstoles, 17 horas) serán os últimos que disputen até a próxima tempada.

Comentarios